ADXUDICADA A HUMANIZACIÓN DE LIÑARES, NA PARROQUIA DE SAN XOÁN, CUN ORZAMENTO QUE SUPERA OS 138.000 EUROS

12/01/2024

2023.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do proxecto de humanización a acometer no lugar de Liñares, na parroquia de San Xoán. Esta é unha actuación que está impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, dirixida polo socialista Gregorio Agís, e que contempla a dotación de plataforma única, cunha nova superficie de empedrado, favorecendo a accesibilidade e mobilidade. A maiores, procederase á renovación dos servizos básicos e á instalación de alumeado.

A obra será realizada pola empresa EC Casas, logo de que se completase o proceso de licitación. Un total de sete firmas fixeron propostas no concurso de adxudicación. A adxudicación realízase cun importe que ascende a un total de 138.705,48 euros, IVE engadido. Tal e como lembra o concelleiro Gregorio Agís, os traballos finánciase a través de fondos correspondentes ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2022.

Tale como figura  na memoria técnica, a obra cubrirá unha extensión duns 600 metros cadrados aproximadamente. A humanización centrarase en diferentes cuestións, como é a renovación do pavimento, que actualmente se atopa moi deteriorado. A  dotación dunha plataforma única servirá para dar preferencia ao tránsito peonil, mediante a utilización dunha superficie de empedrado que xa se empregou noutros núcleos do municipio e que axuda a poñer en valor a contorna. O documento elaborado polos técnicos municipais indica, asemade, a necesidade de efectuar a baixada das liñas eléctricas e de teléfono, o que axudará a eliminar barreiras arquitectónicas, facilitando a mobilidade e accesibilidade e, ao mesmo tempo, “redundando na posta en valor da contorna”, engade o concelleiro de Urbanismo.

En canto á renovación de servizos, a actuación servirá para dotar a Liñares de novo alumeado público, máis eficiente co actual. Por último, contémplase o traslado do cruceiro á parte central da zona de actuación. Esta tarefa levarase cumprindo con todas as directrices que marca a  Dirección Xeral de Patrimonio. Por último, instalarase sinalización horizontal e vertical, quedando a velocidade limitada a 20 quilómetros por hora. O prazo de execución da obra é de seis meses, polo que, se non se produce ningún contratempo, estará rematada antes de que finalice o ano.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio