A empresa Bricantel España encargarase da renovación desta área infantil, cun orzamento de licitación que supera os 142.000 euros. Contará cunha réplica da embarcación Santa María con elementos de xogo integrados, para convertela nunha área con máis capacidade e inclusiva.
O Concello de Poio xa ten adxudicado o proxecto para crear un novo parque infantil temático na zona de Ánkar, na parroquia de San Salvador, que xirará arredor da figura de Cristóbal Colón. A actuación será executada pola empresa Bricantel España, cun orzamento de 142.646,34 euros, e inclúe un prazo de execución de tres meses, polo que se prevé que estea rematado no último trimestre do ano, arredor do mes de outubro.
Este proxecto permitirá renovar por completo a actual área infantil, cun deseño centrado na temática coloniana, pola proximidade da Casa Museo de Cristóbal Colón, e co obxectivo de ampliar a capacidade do espazo, facelo máis accesible e garantir a inclusión. A peza central será unha réplica da embarcación Santa María, o barco no que Colón realizou a súa primeira viaxe a América. Esta estrutura contará con diferentes zonas de xogo a distintas alturas, incluíndo tobogáns, paneis trepadores, zonas de escalada, hamaca cama, timón, telescopio, mapa do tesouro ou crebacabezas.
A área de xogo ocupará aproximadamente 300 metros cadrados e contará tamén cunha segunda embarcación máis pequena, adaptada especialmente para nenos e nenas menores de 6 anos. Entre os elementos adicionais figuran columpios (tamén para bebés e inclusivos), xogos xiratorios con temática mariña e outros equipamentos que reforzan o carácter lúdico do espazo.
Entre as melloras incorporadas ao proxecto destacan 48 meses de garantía da obra civil e unha ampliación do prazo de garantía dos equipamentos ata 8 anos.
Esta actuación en Ánkar forma parte dun plan integral do Goberno local para mellorar e modernizar as áreas de xogo do municipio. Nos últimos meses inaugurouse a pista de pump-track e renovouse o parque infantil da Seca. Ademais, xa está en proxecto a remodelación da área de xogo do parque Costa Xiráldez, en Lourido, tamén cunha proposta temática vinculada ao mar. En ámbolos dous parques tamén se incorporan elementos de xogos inclusivos, unhas pezas que ata o de agora non se incluían. “Para nós é importante que estes parques sirvan de encontro para as familias, espazos de lecer seguros, divertidos e diferentes para toda a cativada sen excepción, por iso é importante para o noso Goberno incluír xogos inclusivos cos que garantir a igualdade”, explica o alcalde, Ángel Moldes.
Con este tipo de investimentos, o Concello de Poio reafirma a súa aposta por ofrecer espazos de lecer de calidade para as familias e dar resposta ás demandas da veciñanza, ao tempo que avanza cara a un modelo de parque máis inclusivo, educativo e sostible. “Queremos ofrecer aos máis pequenos da casa áreas de xogo atractivas e diferentes. Parques temáticos para que xogar se converta nunha auténtica aventura, para que non sexa o mesmo pasar unha tarde en Lourido, en Ánkar, na Seca ou no resto de zonas infantís que hai no noso municipio”, engade.