Actuacións, xogos e actividades para toda a familia: este venres inauguramos a carpa Poio Máxico na Seca

16/12/2025

A xornada inaugural inclúe o concerto da Gramola Gominola e do DJ Quico, e inclúe inchables, atraccións e obradoiros para todas as idades. Poio ten por diante unha fin de semana completa de propostas culturais e lúdicas, que inclúen tamén o musical de Os Tres Porquiños e unha tarde de maxia cos magos Iago Saavedra e Óscar Fernández.

O Concello de Poio inaugura este venres, día 19, na Seca a carpa Poio Máxico, un espazo pensado para o lecer familiar que ofrecerá obradoiros, xogos, actuacións e múltiples actividades todas as tardes ata o 6 de xaneiro, en horario de 16.30 a 20.30 horas.

A xornada inaugural incluirá o concerto de A Gramola Gominola e a actuación do DJ Quico, acompañado de inchables, pintacaras e as atraccións tamén no exterior da carpa. A Gramola Gominola é unha banda de auténtico Rock&Roll en galego para público cativo. Eles son Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos). O grupo naceu no ano 2015 e dende entón deron centos de concertos poñendo ao público en pé cos cornos en man! Este venres presentarán o espectáculo “O Nadal coa avoa Fina”.

Poio Máxico é un punto de encontro para as familias durante este Nadal, cunha programación moi ampla pensada para que persoas de todas as idades poidan gozar xuntas destas datas tan especiais. Haberá zonas de xogo para a primeira infancia (0-3 anos), talleres diarios (manualidades, contacontos, creación depulseiras, experimentos de slime, xogos tradicionais, origami, decoración de galletas…), inchables, atraccións, zona xuvenil con mesa de ping-pong, fultbolín…, área de lactancia e unha completa oferta de actuacións durante todas as festas. Ademais, o acceso a todas as actividades e espectáculos será totalmente gratuíto, reforzando o compromiso do Concello cun Nadal inclusivo e accesible.

ACTUACIÓNS NA CARPA AO LONGO DE TODO O NADAL

Durante estas festas, o escenario da carpa Poio Máxico acollerá tamén outras propostas interesantes. O sábado, día 20, a partir das 17.30 horas, terá lugar a entrega dos premios do Concurso de Tarxetas de Nadal e, a continuación, os asistentes poderán gozar do espectáculo musical Os tres Porquiños, en colaboración co programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra. Os tres porquiños é unha obra musical con bonecos a tamaño real. Unha revisión da tradicional fábula para adaptala aos novos tempos, incluíndo a figura de Xan e Xiana, dous exploradores moi afeccionados aos contos, que se adentran no bosque para coñecer os seus personaxes favoritos. Xa o domingo, ás 18.00 horas, a maxia converterase na protagonista da tarde cun obradoiro infantil e o posterior espectáculo dos magos Iago Saavedra e Óscar Fernández.

A programación complétase con actuacións como “A maxia do Nadal” do Mago Paco (xoves 25), a “Aldea Musical de Nadal” con Nelson Quinteiro (venres 26), os concertos da Escola de Acordeóns de Campelo (sábado 27) e da Escola de Música de Poio (domingo 28), o teatro infantil A Pirata Lola (sábado 3 de xaneiro) ou o espectáculo internacional de Pica Pica coa súa proposta “Navidad Total” (domingo 4 xaneiro), entre outras actividades que farán da carpa Poio Máxico un dos grandes puntos de encontro do Nadal en Poio.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, destaca que a carpa Poio Máxico “é un espazo pensado para que as familias poidan vivir o Nadal xuntas, con propostas de calidade, variadas e totalmente gratuítas”. Segundo sinala, “queremos que todas as crianzas de Poio, independentemente da súa situación, teñan as mesmas oportunidades para gozar destas datas tan especiais”. Moldes pon en valor tamén “o potencial da programación do Nadal en Poio, con espectáculos recoñecidos, actividades para todas as idades e un horario amplo”, e animou á veciñanza “a facer da carpa Poio Máxico e das Aldeas de Nadal puntos de encontro durante estas festas”.

FESTIVAL DE NADAL NA CASA ROSADA

Tamén este venres, día 19, será o tradicional Festival de Nadal na Casa Rosada (a partir das 17.00 horas). As dependencias municipais xa están engalanadas con adornos e deseños típicos destas datas, que foron deseñados polos usuarios do programa municipal Saudemente. Non faltarán os sorteos e agasallos, o baile, a degustación gratuíta de rosca e unha sesión de Bingo Entretido.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio