As deportivas inclúen tres liñas de subvencións: para clubs e deportistas federados e categorías de veteranos. Destínanse 64.100 euros para colaborar cos eventos lúdicos organizados por colectivos locais.
Aberto o prazo para solicitar as subvencións que o Concello de Poio outorga para fomentar o deporte local e apoiar a organización de actividades e eventos lúdicos, entre os que se poden incluír festas patronais, parroquiais, gastronómicas, festivais, magostos ou calquera outro tipo de eventos.
Publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia, as persoas ou entidades interesadas xa poden presentar as súas solicitudes ata o 24 de abril en ámbolos dous casos.
Con respecto aos eventos lúdicos, repartiranse un total de 64.100 euros en subvencións a entidades sen ánimo de lucro locais para apoiar a organización de actividades, entre os que se poden incluír festas patronais, parroquiais, gastronómicas, festivais, magostos ou calquera outro tipo de eventos.
O reparto destas axudas farase por concorrencia competitiva, asegurando así unha concesión e xestión dos fondos transparente, obxectiva e equitativa. As bases establecen dúas liñas de axudas, unha para actividades lúdicas e outra destinada especificamente para magostos que, polo seu arraigo, se levan a cabo nas diferentes parroquias: Raxó, Samieira, Chancelas, Combarro, A Seca, Vilariño, O Sartal, San Salvador, Lourido e Campelo.
O obxectivo destas subvencións céntranse en impulsar a creación e difusión da oferta cultural, conseguir unha cidadanía participativa e transformadora do seu entorno, fortalecer o tecido asociativo, fomentar valores sociais na cidadanía, dar resposta ás demandas sociais en relación á creación de eventos e espazos de convivencia, así como poñer en valor o patrimonio inmaterial propio do municipio. Para a liña 1, destinaranse un total de 58.100 euros para financiar ata un máximo do 60% do custo da actividade subvencionable. No caso da liña 2, destinada para os magostos, inclúe 6.000 euros, outorgándose unha axuda máxima de 600 euros por cada magosto. Unha vez aprobadas as bases na Xunta de Goberno local, nos próximos días publicaranse no BOP e será nese momento cando os colectivos e entidades poidan presentar as súas solicitudes por sede electrónica, nun prazo de 15 días hábiles.
A estas liñas de subvencións pode optar calquera entidade inscrita no rexistro municipal de asociacións do Concello de Poio ou comisión de festas que organice algunha actividade ao longo do ano. Á hora de valorar as propostas, a comisión de valoración terá en conta aspectos e criterios como a programación da actividade, as festas de carácter parroquial que constitúen un valor especial do patrimonio inmaterial ou o orzamento total subvencionable.
As subvencións a clubs deportivas sen ánimo de lucro e a deportistas individuais están destinadas a entidades inscritas no rexistro municipal de asociacións; deportistas federados empadroados en Poio cunha antigüidade mínima de un ano e que compitan en modalidades deportivas de carácter individual; e clubs de fútbol con equipos que disputen competicións nas categorías de veteranos.
A través destas axudas, que se outorgan conforme a principios de obxectividade, igualdade, concorrencia e publicidade, preténdese apoiar e fomentar as actividades deportivas desenvoltas polos clubs e deportistas individuais beneficiarios, colaborando deste xeito co financiamento dos custos económicos da súa participación en competicións de carácter federado.
Nos casos das liñas 1 e 3, para entidades e clubs deportivos e equipos que compitan nas categorías de veteranos, a solicitude presentarase exclusivamente pola sede electrónica do Concello de Poio. Entre outra documentación, deberán aportar memoria descritiva da actividade para a que solicitan a subvención.
Entre os gastos subvencionables con cargo a estas axudas inclúense, por exemplo, licencias federativas, seguros deportivos de accidentes e responsabilidade civil, cotas de inscrición en competicións federadas, gastos de transporte, manutención e aloxamento para asistir a competicións, salarios de adestradores, e outros gastos propios da participación en competicións federadas que deben asumir os clubs, e todos eles correspondentes á tempada que abranga entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025.
Para a liña 1, destínanse 28.500 euros, para a liña 2, un total de 4.000 euros e para a 3, 1.650 euros. Estas subvencións son compatibles con outras axudas ou ingresos que reciban os beneficiarios doutras entidades públicas ou privadas.