Aberto o prazo para inscribirse no curso de defensa persoal para mulleres organizado polo Concello de Poio

31/10/2025

A concelleira Natividad Torres presidiu esta semana o Consello local da Muller para avanzar na programación do 25N coas representantes dos colectivos que forman parte deste órgano municipal. En colaboración con Confemac, organizaranse no Casal de Ferreirós sesións para promocionar a igualdade en persoas maiores.

O Concello de Poio xa está ultimando a programación para conmemorar o Día internacional contra as violencias machistas, cunha proposta de actividades e accións que se desenvolverán ao longo de todo o mes de novembro. Ao longo de todo o mes, desenvolverase unha ampla proposta de actividades e accións de sensibilización.

Unha das primeiras citas será o obradoiro de Autoprotección e Defensa Persoal para Mulleres, que terá lugar os días 12 e 15 de novembro no Pazo Besada. O obxectivo desta iniciativa é ofrecer ás participantes ferramentas útiles para unha autodefensa efectiva, así como técnicas de autocontrol que lles permitan gañar confianza e afrontar situacións de estrés ou agresión.

O curso, que combina parte teórica e práctica, abordará aspectos como a mobilización e control do agresor, as estratexias para saír dunha zona de perigo ou o manexo emocional ante situacións de risco. A participación é de balde, e as inscricións xa están abertas no Pazo Besada ata completar as prazas dispoñibles.

Dentro da mesma programación, o Concello de Poio organiza tamén, en colaboración coa Confederación Estatal de Maiores Activos (Confemac), un curso para promover a igualdade entre persoas maiores, que se celebrará os días 11 e 13 de novembro no Casal de Ferreirós. Esta actividade tamén será de balde, e as inscricións poden realizarse igualmente no Pazo Besada.

Ambas iniciativas foron presentadas e analizadas na reunión do Consello Municipal da Muller, celebrada esta semana na Casa do Concello baixo a presidencia da concelleira Natividad Torres, onde se avanzou nos preparativos da campaña do 25N e nas accións de sensibilización previstas. A programación completa das actividades conmemorativas darase a coñecer nos vindeiros días.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio