ABERTO O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE OFERTAS PARA ASUMIR A VIXILANCIA DA ILLA DE TAMBO

12/01/2024

2023.

O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, informa de que xa está aberto o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas para completar a licitación do servizo de vixilancia e seguridade na Illa de Tambo. Trátase dunha prestación que, tal e como indica Agís, “é indispensable para garantir a protección e seguridade das persoas que visitan este enclave”, ao tempo que consolida a preservación deste emblemático espazo da ría de Pontevedra, que conta con elementos de gran riqueza e valor patrimonial, histórico, natural e medio ambiental.Neste sentido, o concelleiro do PSdeG-PSOE recalca a importancia de que estes traballos sexan acometidos por unha empresa especializada nesta materia, toda vez que a día de hoxe o Concello de Poio non dispón dos medios humanos e os recursos materiais e técnicos axeitados para garantir o servizo.

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión do pasado día 21 de febreiro o inicio do proceso de licitación, que culminará nas vindeiras semanas. O responsable da área de Promoción Económica e Urbanismo indica que, salvo imprevisto, o servizo estará xa operativo desde principios do mes de abril, coincidindo coa Semana Santa, momento no que se retomarán as visitas guiadas iniciadas no verán de 2022 e que se prolongaron ata practicamente finais de ano. “Somos conscientes de que tanto nestas datas como durante o verán será cando se rexistren un maior número de visitas a Tambo”, apunta Agís Gómez. Deste xeito, o contrato inclúe a contratación de persoal de seguridade, cun horario de 10 horas de prestación entre o 1 de xullo e o 15 de setembro, ambas datas incluídas, ademais de en Semana Santa.

Con respecto á duración do contrato, terá vixencia dun ano, desde o momento da súa sinatura, coa posibilidade de establecer tres prórrogas por un período de 12 meses cada unha. O orzamento contemplado para cubrir os catro anos de servizo ascende a un total de 102.520,06 euros, IVE engadido. Así pos, con esta xestión a vixía da Illa de Tambo quedaría garantida ata o ano 2027. O valor estimado do prezo por anualidade sería o seguinte: 26.533,84 euros no primeiro exercicio, 22.112,97 o segundo, 26.781,69 euros o terceiro e 27.091,56 euros no derradeiro.

Gregorio Agís lembra que é posible coñecer a Illa de Tambo a través de visitas guiadas, cuxas reservas se poden efectuar desde a páxina web do Concello de Poio e de Turismo de Poio. As embarcacións das navieiras que se encargan de xestionar os desprazamentos parten desde o peirao de Combarro. As inscricións poden realizarse tanto a título individual como formando parte das visitas que organizan as asociacións e colectivos. Estas excursións contan con guías procesionais e teñen unha duración aproximada de dúas horas e media, nas que os e as participantes teñen ocasión de coñecer puntos emblemáticos da illa, como as ruínas do lazareto e da capela de San Miguel, ademais do Faro de Tenlo Chico ou as instalacións militares.

Estas visitas poden realizarse logo de que o Concello de Poio acadase hai un ano a concesión demanial da Illa de Tambo, a través dun acordo xestionado pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo coa Escola Naval e o Ministerio de Defensa. Desde a apertura destas visitas, que contan cun cupo máximo diario, contabilizáronse máis de 5.000 excursionistas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio