Aberto o prazo de licitación para crear dous novos vestiarios no campo de fútbol da Seca

10/06/2024

Desde o Concello de Poio dáse resposta a unha demanda histórica dos usuarios e club, que en numerosas ocasións tiñan que desprazarse ata outras instalacións da contorna para poder cambiarse.

O Concello de Poio ten aberto o prazo de licitación para que as empresas interesadas en crear os dous novos vestiarios no campo de fútbol da Seca presenten as súas ofertas. Trátase dun contrato menor, de preto de 48.000 euros, para o que poden presentar as súas ofertas ata o 20 de xuño ás 14.00 horas a través da Plataforma de Contratos do Sector Público.

O proxecto plantexa crear estes dous novos vestiarios, un para equipo local e outro para visitante, adaptando o espazo existente baixo as gradas, onde están os antigos baños e a sede da SCD. Con esta actuación, o Concello de Poio dará resposta a unha demanda histórica dos clubs locais e facilitará que os usuarios poidan cambiarse na propia instalación, ofrecendo maior comodidade. Ata o de agora, os equipos tiñan que desprazarse ata outros espazos deportivos da contorna para facelo, como por exemplo o campo da Reiboa ou o propio ximnasio, unha molestia que empeora en caso de choiva.

Este é un dos tres investimentos que o Concello de Poio realizará con cargo ao Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra, que destina a Poio máis de 105.000 euros. Os outros dous proxectos que se inclúen son o primeiro circuíto de pump track de Poio, que se está instalando nas inmediacións da Seca e que vai ampliar a oferta deportiva e de ocio ao aire libre no municipio, e a instalación dun sistema de control de acceso e de aforo no ximnasio municipal.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio