O xoves 6 ábrense as inscricións do Desfile de Entroido, que reparte preto de 5.000€ en premios

05/02/2025

Celebrarase o domingo, 2 de marzo, entre a Biblioteca Municipal e a Praza da Granxa, en Campelo. Os grupos deben presentar as súas solicitudes ata o día 21 de febreiro, mentres que os participantes individuais ou en parella poden facelo ata o mesmo día do desfile.

O Concello de Poio repartirá 4.820 euros en premios no desfile de Entroido que se celebrará o domingo 2 de marzo, a partir das 12.00 horas, entre a Biblioteca Municipal e a Praza da Granxa, en Campelo.

Un formato que se estreou o ano pasado e que, nesta edición, consolídase para intentar repetir a alta participación conseguida con grupos e comparsas chegados de toda a provincia. Todas as persoas que participen deberán estar neste lugar unha hora antes da saída. A chegada será na Praza da Granxa, onde será o fin de festa con música, animación e entrega de premios aos mellores disfraces.

As categorías nas que se pode concursar no desfile de Entroido son individual, parella ou grupo, tanto en infantil (ata 14 anos) como adultos (desde os 15 anos). No caso dos grupos, terán como mínimo tres participantes que deberán gardar unha unidade temática; poderán ir acompañados de carroza ou plataforma móbil.

Este ano aumentan os premios establecidos para o concurso. Así, na categoría de adultos, o 1º premio do disfrace individual será de 170€, 120€ para o segundo, 75€ para o terceiro e 50€ para o cuarto clasificado. En parellas, o primeiro posto recibirá 210€, 160€ o segundo, 120€ o terceiro e 90€ o cuarto. Por grupos, os gañadores terán un premio de 500€, 400€ para os segundos clasificados, 300€ para os terceiros, 200€ para os cuartos e, por último, 100€ para os quintos.

En categoría infantil, o primeiro premio individual é 120€, 105€ para o segundo e 70 o terceiro. En parellas, os gañadores recibirán 160€, os segundos clasificados 120€, os terceiros, 75€, e os cuartos, 50€. Con respecto aos grupos, o primeiro premio son 250€, o segundo 205€ e o terceiro 160€. Ademais, haberá premios especiais choqueiro e animación que son compatibles co resto de premios e que repartirán nos dous casos 200€ para o primeiro clasificado, 155€ para o segundo e 110€ para o terceiro. No caso do choqueiro, haberá tamén un cuarto premio de 80€.

O prazo para anotarse estará aberto desde mañá, día 6, ata o 21 de febreiro, ambos inclusive. Os grupos deberanse inscribir a través da sede electrónica do concello, mentres que no caso da inscrición individual ou en parellas pódese facer tamén no rexistro xeral do Concello de Poio, entre as 8:30 e as 14:00 horas ou, só nestas dúas categorías, facer a inscrición o mesmo día do desfile, entre as 9.30 e as 11.00 horas nas inmediacións da Biblioteca Municipal. Xunto coa solicitude de inscrición deberase acompañar a seguinte documentación: copia do DNI do/da participarte no desfile e do/da seu titor/a ou representante legal, no caso de menores de idade. No caso de asociacións, copia do CIF da entidade e do DNI da persoa representante.

O xurado do concurso estará composto por membros que forman parte da comisión municipal de Educación, Cultura e Deporte, que valorarán aspectos como o vestiario, a orixinalidade, coreografías, harmonía, simpatía, actitude, ritmo, animación, estética, posta en escena, maquillaxe, presenza de elementos complementarios como carrozas ou plataformas móbiles, etc.

Ademais do desfile de Entroido, o Concello de Poio xa adiantou que este ano tamén se repetirá a Pasarela de Comparsas, o venres 21 de marzo na Seca, nas que as comparsas e agrupacións participantes exhibirán os seus disfraces e coreografías, e incluirá tamén entrega de mencións especiais, música e moita animación. A maiores destas dúas citas, tamén se incluirán os enterros e outras actividades organizados en colaboración cos diferentes colectivos locais e que se irán concretando nos días próximos.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio