Memoria para adultos, procesador de texto, iniciación á informática e internet, follas de cálculo, enderezo electrónico, videoconferencias e manexo dos móbiles, son algunas das sesións que se imparten. Ofrécense preto de 60 horas de formación gratuíta durante todo o mes.
A Aula Cemit de Poio organiza para o mes de marzo oito cursos novos de habilidades dixitais coas que continuar ampliando a súa oferta formativa, e que van desde procesador de textos, follas de cálculo, enderezo electrónico, videoconferencias e manexo de móbiles ata cursos de memoria, iniciación á informática ou internet. En total, preto de 60 horas de formación gratuíta, para as que xa están abertas as inscricións para participar a través da páxina web https://cemit.xunta.gal, no correo cemit.poio@xunta.gal ou na propia aula situada en Combarro.
Ademais, calquera usuario que o desexe pode facer uso do equipamento e da conexión á Internet da aula a través da Aula Aberta, sempre con cita previa e en horario de luns a venres, entre as 19.30 e as 21.00 horas. As asociacións e colectivos locais teñen tamén a opción de poder reservar a utilización dos ordenadores para a realización de actividades.
Todos os luns do mes de marzo, de 16.30 a 18.00 horas, continuarán impartíndose os talleres “Exercita a túa memoria”, unha actividade na que os participantes traballarán o estímulo mental, a percepción visual e a motricidade fina a través de xogos como puzzles, debuxos ou exercicios con cores.
Do 3 ao 13 de marzo organizaranse os cursos de nivel iniciación e intermedio de “LibreOffice Writer”, para que o alumnado aprenda o manexo dos procesadores de texto, unha ferramenta imprescindible para redactar e dar formato aos documentos.
“Iniciación á informática”, do 2 ao 6 de marzo, ofrecerá ao alumnado os coñecementos básicos para manexar un ordenador. Do mesmo xeito, “Iniciación a internet”, do 9 ao 13 de marzo, explicará o uso de aplicacións e ferramentas fundamentais para facer uso da rede.
Do 17 ao 27 de marzo impartiranse os niveis iniciación e intermedio de Follas de Cálculo, moi utilizadas na contabilidade, facturación e almacén, sendo unha ferramenta indispensable para o traballo de oficina.
Outra das ferramentas indispensables, o enderezo electrónico, centrará os talleres do 16 ao 18 de marzo, mentres que o venres 20 o alumnado aprenderá a levar a cabo unha videoconferencia.
A programación de marzo inclúe tamén “Manexo do móbil intelixente (smartphone) e da tableta”, do luns 23 ao xoves 26, para que o alumnado coñeza todas as posibilidades e ferramentas para sacar o máximo proveito do seu teléfono: desde como chamar, acceder a internet, sacar fotos e compartilas con outras persoas, etc.
Con respecto á Proba de Aproveitamento dos cursos online EMA, está programada para o venres 27 de marzo. Permitirá ás persoas que a superen obter o Diploma de Aproveitamento dos cursos realizados nesta plataforma.
