Entregarase a Ameixa de Prata a vinte mariscadoras e mariscadores das tres confrarías que faenan en Poio -Confrarías de Raxó, San Telmo e Lourizán- que se xubilaron ao longo do último ano.
Xa hai data para a celebración da XXXVI Festa da Ameixa de Campelo. O Concello de Poio confirma que será do 18 ao 20 de outubro, tras analizar co sector a mellor data para poñer en valor e promocionar un produto que é sinal de identidade do municipio e da ría.
Unha edición na que, explica o alcalde, Ángel Moldes, queren render homenaxe aos inicios da festa, recoñecendo a labor das persoas que impulsaron e organizaron a primeira edición dunha festa “que xa é un referente e que representa unha oportunidade enorme para Poio polo que supón de desestacionalización e sostibilidade turística, pero tamén é fundamental para poñer en valor a cultura mariñeira e marisqueira da vila de Campelo”.
Neste senso, indica que “cremos que é importante recoñecer a todas esas persoas precursoras da Festa da Ameixa que hai 36 anos apostasen por facela realidade. Cada día xorden moitas ideas que, ao final, quedan no caixón porque non hai ninguén detrás para executalas. Pero aquí houbo unha idea magnífica, pola que apostaron un grupo de mulleres e homes, que traballaron con moito compromiso para sacala adiante e grazas a isto, hoxe podemos falar de contar en Campelo cunha festa única, totalmente arraigada e que permite dinamizar a economía local e potenciar a imaxe do noso concello”.
O recoñecemento farase o venres 18 de outubro, coincidindo coa entrega da Ameixa de Prata a vinte mariscadoras e mariscadores das tres confrarías que faenan en Poio -Confrarías de Raxó, San Telmo e Lourizán- que se xubilaron ao longo do último ano. Un acto que supón unha homenaxe a persoas que adicaron a súa vida ao mar e que coa súa labor contribuíron tamén á preservación dos espazos naturais nos que faenaron.
Con respecto ao resto de propostas, nos próximos días darase a coñecer a programación final da XXXVI Festa da Ameixa, que combinará gastronomía, música e propostas lúdicas para todos os públicos.
XORNADAS DA AMEIXA
Tamén coa ameixa como protagonista e como prólogo á celebración da festa en Campelo, esta fin de semana continúan as Xornadas da Ameixa que se desenvolven en 15 establecementos do municipio e que ofrecen menús, pratos e tapas co bivalvo como protagonista.
As xornadas, que comezaron o domingo 1 de setembro, estanse desenvolvendo todas as fins de semana do mes, de venres a domingo, con prezos moi atractivos que oscilan entre os 3 e os 30 euros e cunha grande aceptación entre veciños e visitantes.
Os establecementos participantes son:
Casa Angelita e o Restaurante Lourido, en Lourido; Casa Laura, en Campelo; Casa Susa, no Muíño; O Eirado das Margaridas, en Liñares, Pinela Terraza, en Casalvito; o Restaurante Alvariñas, Arroyo Mar y Tierra, Entrepedras, Pedramar, La Espuela e O Peirao, en Combarro; La Nueva Parada, en Chancelas; O Novo Lar de Expósito, no Covelo, Samieira, e o Vamos Falando, en Raxó.