A Xunta traslada a Ángel Moldes o seu compromiso co desenvolvemento industrial do municipio

28/02/2025

O alcalde mantivo unha reunión coa directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, para abordar polo miúdo a situación do parque empresarial de Fragamoreira.

A Xunta e o Concello de Poio mantiveron hoxe unha reunión de traballo na que o Goberno galego aproveitou para reafirmar o seu compromiso co desenvolvemento industrial do municipio.

No encontro, no que participaron a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, e o rexedor do concello, Ángel Moldes, analizouse polo miúdo a situación do parque empresarial de Fragamoreira que a Xunta está a promover en Poio cunha superficie de 386.513 m², e abordouse o seu desenvolvemento urbanístico.

Trátase en definitiva, de colaborar e traballar xuntas ambas as dúas Administracións galegas para dar resposta á demanda de solo industrial que existe na comarca de Pontevedra, toda vez que un dos obxectivos do Goberno galego é que as empresas teñan máis facilidades de acceso ao solo industrial e promover o crecemento das que xa están implantadas en Galicia.

O parque empresarial de Fragamoreira está localizado nun lugar idóneo e estratéxico, ao carón da cidade de Pontevedra e con comunicacións ao porto de Marín, á autoestrada AP-9, Vilagarcía e á comarca do Salnés.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio