A XIII Concentración moteira A Rosa dos Ventos reúne esta fin de semana en Poio a preto de 9.000 persoas

08/07/2024

Ángel Moldes subliña que todas estas iniciativas son importantes dinamizadores socioeconómicos para o municipio. Espéranse asistentes de toda España e Portugal.

O motoclub A Rosa dos Ventos celebra do venres 12 ao domingo 14 a décimo terceira edición da Concentración Moteira, que espera reunir a preto de 9.000 persoas ao longo de toda a fin de semana, chegadas desde diferentes puntos de toda España, como por exemplo Illas Canarias, País Vasco, Ceuta, Andalucía, Cataluña…, así como Portugal.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, o concelleiro de Festexos e Eventos, Fran Dasilva, e representantes do motoclub presentaron hoxe a programación, con importantes propostas lúdicas na contorna da Seca durante os tres días, ademais das rutas moteiras pola contorna. Moldes agradeceu “o importante traballo que a entidade realiza ao longo de todo o ano para ofrecer unha cita atractiva para os amantes das motos e converter a Poio na capital galega do motociclismo”. Un evento que, como subliñou, “ten ademais unha importante repercusión socioeconómica para o noso municipio”. Nesta liña, indicou que a ocupación hoteleira para esta fin de semana é moi alta e, incluso, nalgún caso xa colgaron o cartel de completo. “O epicentro está na Seca, pero os asistentes visitarán todo o municipio”, engadiu.

Segundo explicou Manuel Torres, presidente do motoclub, este ano inclúense importantes novidades. As actividades comezarán o venres, ás 20.30 horas, co pase STUNT do especialista AV Campos e, posteriormente, farase unha ruta de antorchas polas rúas do concello. A primeira xornada a música correrá a cargo de Tropa do Carallo, a nova banda de Evaristo Páramos, cantante de música punk que foi vocalista de La Polla Records. Como teloneros actuará a banda Calle del Ruído ás 22.45 horas.

Xa o sábado, a sesión vermú será ás 12.00 horas coa música en directo do grupo La Mécánica. E xa pola tarde haberá xogos moteros e animación antes do paso polas rúas do concello. Ás 18.00 horas realizarase unha degustación de mexillón galego, exclusivamente para participantes inscritos, preparados polo cociñeiro con Estrella Michelín e dous Soles Repsol Pepe Solla. Antes da cena de confraternidade, na que tamén se entregarán trofeos aos moteiros máis destacados desta edición, organizarase un novo pase STUNT a cargo do especialista AV Campos. A medianoite está programado o mellor tributo de Europa de Guns N´Roses, segundo as revistas musicais e o grupo orixinal, a cargo da banda Gansos Rosas. E a noite rematará coa discoteca móbil cos DJ Toño, Rubén Díaz e Quico.

A última xornada arrancará ás 12.00 horas cunha ruta moteira pola contorna, con paradas e picoteos para todos os asistentes. A despedida será coa comida de confraternidade, ás 15.00 horas, na carpa habilitada.

Tanto Ángel Moldes como Manuel Torres convidaron aos asistentes a disfrutar de Poio e gozar de todas a programación propostas con moito sentidiño. “Queremos que disfruten da fin de semana e o fagan con seguridade, porque o importante é volver”, concluíu Torres.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio