A TRAXECTORIA E OBRA DO CINEASTA GALEGO JOSÉ GIL CHEGA A POIO DA MAN DA AXENDA CULTURAL VERBAS EN FLOR

12/01/2024

2023.

A axenda cultural Verbas en Flor, promovida pola Concellería de Cultura, continúa a ofrecer iniciativas pensadas para xente de todas as idades nas que o medio ambiente, a historia e o audiovisual son grandes protagonistas. Este xoves, ás 11.00 horas, terá lugar, dentro deste programa, unha xornada en chave medioambiental na praia de Cabeceira, na que varios integrantes da Asociación Amicos levarán a cabo, en colaboración co tecido educativo de Poio, tarefas de limpeza e retirada de restos de plástico do areal. Esta actuación forma parte do proxecto RE-MAR e busca concienciar sobre a importancia do coidado do medio ambiente, ao tempo que se pon en valor o labor e a capacidade das persoas que padecen algún tipo de discapacidade.

Xa o venres, chegará unha das citas principais do Verbas en Flor. Trátase do ciclo ‘José Gil, na orixe do cinema’, unha iniciativa que chega a Poio en colaboración coa Deputación de Pontevedra e Vía Láctea Filmes. A edil de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, explica que a través desta actividade búscase ofrecer ás novas xeracións a opción de coñecer e familiarizarse coa obra do que “sen dúbida foi un dos grandes visionarios e pioneiros do audiovisual en Galicia”. Deste xeito, o venres 21 de abril o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó acollerá diferentes proxeccións de cine clásico, coa participación do director Ignacio Vilar e o escritor Manolo González. Este último é o autor da biografía de José Gil, titulada Nos días encantados de agosto. Pola mañá o Xaime Illa acollerá estas actividades para o alumnado do IES, mentres que pola tarde serán abertas á cidadanía, desde as 20.00 horas. Non faltará tampouco o ‘Cinemóbil’, un vehículo para proxeccións que recolle 16 paneis informativos sobre Gil.

O sábado, este emblemático automóbil visitará a Praza da Chousa de Combarro, entre as 10.00 e as 12.00 horas. A continuación, será a presentación da biografía escrita por Manolo González. O ciclo sobre José Gil pecharase cunha sesión vermú, de 13.00 a 14.00 horas, a cargo do grupo Entre flores.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio