A substitución das ventás na Biblioteca Municipal de Poio mellorará a eficiencia enerxética e a comodidade dos usuarios

16/12/2024

Ángel Moldes: “a biblioteca debe ser un espazo que convide aos usuarios, grandes e pequenos, a visitala, a vivila e disfrutala, ben para gozar da lectura, para consultar algún exemplar ou para disfrutar das actividades que se organizan nela”.

O Concello de Poio, en colaboración coa Consellería de Cultura, está substituíndo as ventás da Biblioteca Municipal situada en Campelo, unha actuación que permitirá mellorar a eficiencia enerxética e ofrecer maior comodidade ás persoas usuarias.

O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, visitaron a instalación cultural acompañados da bibliotecaria, Macarena Ferreiro, para comprobar o avance dos traballos, que incluíron o cambio de trece xanelas e que contou cun investimento de preto de 20.000 euros. Moldes explicou que é un edificio antigo que necesitaba cambiar a carpintería exterior para ofrecer un espazo “moito máis agradable”. Neste senso, indicou que “a biblioteca debe ser un espazo que convide aos usuarios, grandes e pequenos, a visitala, a vivila e disfrutala, ben para gozar da lectura, para consultar algún exemplar ou para disfrutar das actividades que se organizan nela”.

Os traballos consistiron en cambiar as trece xanelas da biblioteca, tanto da sala de consulta e lectura, como no corredor e nos aseos. Estas actuacións súmanse ás que se fixeron o ano pasado, tamén con colaboración coa Xunta de Galicia, para mellorar a accesibilidade, e que incluíron a instalación dun ascensor e modificación dos aseos do primeiro andar para garantir tamén o uso para persoas con mobilidade reducida.

Substituídas as ventás, os traballos continuarán estes días para rematar a guarnición e pintar as paredes do interior.

Por outra banda, o Concello de Poio tamén estivo realizando este mes labores de mantemento noutros edificios municipais, con traballos eléctricos, no tellado e de pintura no Espazo Municipal de Portosanto, e o pintado interior de todo o edificio da Casa Rosada.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio