Dirixida aos coidadores de persoas cunha demencia neurodexenerativa, a persoas diagnosticadas en fase moi temperá así como a todas aquelas que estean interesadas neste tema.
A FADEAL (Federación Atlántica de Asociacións de Familiares de Persoas con Alzhéimer e outras Demencias), co financiamento da Deputación de Pontevedra e colaboración do Concello de Poio, impartirá unha sesión formativa gratuíta sobre esta doenza, dirixida especialmente aos coidadores de persoas cunha demencia neurodexenerativa, pero tamén a persoas diagnosticadas en fase moi temperá así como a todas aquelas que estean interesadas neste tema.
Será o xoves 14 de novembro, de 16.00 a 20.00 horas na Casa dos Guardases, no Pazo de Besada, e estará impartida pola psicóloga María Solla e a traballadora social Lara Argibay, ambas de Afapo. A entrada é libre ata completar aforo.
Alzhéimer de Preto pretende comezar a romper as barreiras que moitas veces se atopan as persoas que viven no rural. Nestas sesións ofrecerase unha primeira aproximación á enfermidade e á súa evolución, ademais de asesoramento sobre os recursos dispoñibles para poder afrontar mellor a enfermidade e pautas para mellorar a calidade de vida da persoa con demencia e da súa familia.
As demencias teñen unha alta prevalencia (estímase que afectan ao 31,25% das persoas que superan os 85 anos), especialmente en Galicia, cunha poboación altamente envellecida. Ademais, o contexto rural experimenta un fenómeno de sobre envellecemento ao que se lle engade unha escaseza de servizos e ausencia de intervencións. Esta realidade non só afecta á persoa que padece a enfermidade, senón tamén a todo o núcleo familiar.
A sesión estruturarase en dúas horas nas que se falará da área sanitaria, sobre o diagnóstico, os factores de alarma, pautas de comportamento, tratamentos farmacolóxicos e avances en investigación, e outras dúas horas destinarase á área social, incidindo nos tratamentos non farmacéuticos, os recursos de apoio psicolóxico e recursos sociais e xurídicos.