A rapazada do campamento Miúdo Teatro baixa o telón coa representación de Romeo e Julieta en Raxó

01/07/2026

Ángel Moldes que asistiu á adaptación da obra de William Shakespeare, destaca que esta iniciativa “ofrece unha oportunidade única para que a mocidade explore o mundo do teatro desde dentro, asumindo diferentes roles e descubrindo o valor do traballo en equipo, a creatividade e a expresión artística”.

A rapazada de Poio demostrou hoxe ante as súas familias o traballo realizado durante a última semana no campamento Miúdo Teatro, unha iniciativa organizada polo Concello no CC Xaime Illa, en Raxó, que amosa aos nenos e nenas participantes como crear e xestionar a súa propia compañía teatral. Unha experiencia que permiiu levar hoxe á escena unha adaptación de “Romeo e Julieta”, de William Shakespeare.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, asistiu esta mañá á representación da obra, onde destacou que “esta iniciativa ofrece unha oportunidade única para que a mocidade explore o mundo do teatro desde dentro, asumindo diferentes roles e descubrindo o valor do traballo en equipo, a creatividade e a expresión artística”. Así, recordou que o obxectivo principal desta actividade, que se desenvolveu por segundo ano consecutivo, é que a rapazada descubra de primeira man todo o que implica formar parte dunha compañía teatral, participando activamente en cada unha das fases do proceso creativo.

Ao longo destes días, os nenos e nenas realizaron xogos de expresión corporal e dramatización, traballaron a creatividade e a espontaneidade, achegáronse á lectura e análise de guións e coñeceron o funcionamento dunha compañía teatral e dos seus equipos artísticos e técnicos. Tamén participaron na creación da escenografía, o vestiario e a maquillaxe, realizaron ensaios, deseñaron o cartel da obra e, tras todo este traballo, culminan hoxe a experiencia coa representación aberta ao público.

A xornada de hoxe estivo marcada polos nervios dos minutos previos ao levantamento do telón, pero tamén pola ilusión e as ganas de amosar ás súas familias todo o aprendido durante a semana. Tras días de preparación e moito traballo en equipo, a rapazada culminou esta experiencia coa representación aberta ao público de Romeo e Julieta, recibindo o agarimo e os aplausos dos asistentes.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio