A praia de Siorto, en Raxó, xa ondea a Bandeira Azul despois de sete anos

02/07/2024

Tamén conta con este distintivo a praia de Cabeceira, en Lourido. Todos os servizos, incluídos os socorristas, están dispoñibles desde este luns, 1 de xullo.

As bandeiras azuis xa ondean nas praias de Siorto, en Raxó, e Cabeceira, en Lourido, un izado que coincide coa prestación de todos os servizos nestes areais, incluídos os socorristas, que xa están operativos desde o 1 de xullo.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, participou esta mañá no izado deste distintivo na praia de Siorto, que recupera a bandeira azuis despois de sete anos. “Unha noticia moi boa para o noso concello, especialmente para a veciñanza de Raxó, que agardaba desde hai tempo impaciente a que se recuperase este distintivo, que é sinónimo de calidade, para esta praia”, subliñou Moldes. Un sentimento que, asegurou, comparte todo o Goberno. “Estamos moi satisfeitos, porque recuperar esta bandeira despois de tanto tempo era tamén un dos nosos obxectivos. Apostamos por presentar este ano a candidatura para Siorto e conseguimos que se recoñecese o que moitos de nós xa sabiamos, que estamos diante dunha praia de bandeira”. Nesta liña, engadiu que “é un recoñecemento ao traballo que estamos facendo para potenciar un turismo sostible e de calidade”. Un recoñecemento que tamén suma os distintivos aos catro Sendeiros Azuis de Poio, dous máis que o ano pasado, e que xa están visibles nas rutas do Laño, dos Muíños de Samieira, no litoral de Poio e na Variante Espiritual do Camiño Portugués.

O distintivo Bandeiras Azuis que outorga a Adeac recoñece a calidade dos areais, outórganse ás praias que cumpren coa hixiene, a seguridade, a prestación de servizos e o coidado do medio ambiente. Precisamente, nas últimas semanas o Concello de Poio intensificou a posta a punto de todos os areais, que incluíu a mellora nos accesos ás praias e colocación de duchas, paneis informativos e papeleiras, limpeza, así como a contratación de seis socorristas que ata o 30 de setembro velarán pola seguridade dos bañistas en Siorto e Cabeceira.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio