A PARROQUIA DE SAN SALVADOR XA CONTA CON CINCO COMPOSTEIROS COMUNITARIOS OPERATIVOS

12/01/2024

2023.

O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, o socialista Julio Casás (PSdeG-PSOE), visitou hoxe o novo Centro Comunitario de Compostaxe (CCC) estreado este mesmo venres nas inmediacións do parque de Ánkar. Con este son xa cinco os recipientes operativos no núcleo de parroquia de San Salvador, desde que no ano 2020 comezase a funcionar o primeiro deles, habilitado en Rosalía de Castro. De xeito progresivo, fóronse habilitando máis unidades: un segundo composteiro na proximidade do devandito parque, outro en Valiña e un máis en Río Miño.

Tal e como explicou o edil responsable da área, a intención do Concello é continuar incrementando a dotación de CCC, habida conta da gran resposta que está a ter entre a veciñanza. Tanto é así, que está previsto que nas vindeiras semanas tamén se poña en funcionamento un sexto composteiro comunitario, nas proximidades do Casal de Ferreirós.


Esta actuación lévase a cabo ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, ao cal se adheriu o Concello de Poio hai varias anos, grazas ás xestións realizadas desde a área de Obras e Servizos Municipais. Casás estivo na carpa informativa que se habilitou nesta inauguración, na que, ademais da resolución de dúbidas por parte da mestra composteira do Concello, tamén se fixo entrega de material promocional e folletos informativos relacionados coas vantaxes da compostaxe. Todas as familias que fagan uso deste recipiente recibirán un cubo específico para depositar e trasladar os biorresiduos ata o CCC. Julio Casás lembra que nas semanas previas á posta en funcionamento do Centro de Compostaxe Comunitario de Ánkar desenvolveuse unha campaña informativa entre as persoas residentes na contorna, que “desde o primeiro momento amosaron o seu interese en contar con este servizo neste lugar”.

O éxito dos CCC no núcleo da parroquia de San Salvador queda reflectido nos datos de recollida de restos correspondentes a 2022. Durante eses doce meses tratáronse máis de 80 toneladas de residuos orgánicos (55 de fracción orgánica provinte da veciñanza e uns 25 de fracción vexetal). Esta cantidade supuxo un aumento do 25% con respecto a 2021. “Cada vez son máis as persoas que apostan pola compostaxe polos seus beneficios, o que redunda no coidado do medio ambiente e reduce os custes do tratamento de lixo que se envía á planta de Sogama”, lembrou Julio Casás, que se amosou convencido que ao longo deste 2023, coa instalación dos novos recipientes, “estes datos non farán máis que incrementar”.

Outro aliciente á hora de apostar pola compostaxe é a elaboración de compost, para poder ser utilizado en viñedos e cultivos, así como en plantas e macetas. O responsable de Obras e Servizos Municipais recalca que “a nosa folla de ruta marca seguir incrementando os composteiros comunitarios nas zonas máis urbanas do municipio, ao tempo que continuamos ofrecendo á veciñanza a posibilidade de adquirir composteiros individuais”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio