A OFICINA DE INFORMACIÓN TURÍSTICA DE COMBARRO ABRE AS SÚAS PORTAS ESTE MÉRCORES 29 DE MARZO

12/01/2024

2023.

A tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), informa que desde este mércores 29 de marzo pasará a estar operativa a Oficina de Información Turística de Combarro, situada nas dependencias do Espazo Municipal de Carreiro do Campo. As dependencias abrirán as súas portas en horario continuo, de 9.30 a 20.30 horas, de martes a sábado, mentres que os domingos pola mañá tamén se prestará atención ao público entre as 11.00 e as 13.30 horas.

Deste xeito, a oficina estará funcionando a pleno rendemento antes do inicio da Semana Santa, na que, como xa é habitual, se prevé un incremento no número de visitantes que recibirá Poio, sendo como é un destino turístico de referencia no Norte de España. Silvia Díaz lembra que o departamento reforzou o seu persoal coa contratación temporal de dous informadores turísticos, que se incorporan ao abeiro da Liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2023. Ambas persoas iniciarán o seu labor este mércores. A súa contratación será por sete meses, ata a entrada do outono. Ademais, a tenente de alcalde sinala que o Concello tamén tramitou unha incorporación a maiores para o Casal de Ferreirós, en San Salvador, a través da Rede INFO Rías Baixas, que aínda está pendente de resolución.

Outro equipamento que tamén estará operativo en Semana Santa será a Casa Museo de Colón, en Portosanto. Neste caso, o horario de atención ao público será de martes a venres de 15.30 a 20.30 horas, mentres que os sábados o servizo será de mañá, de 9.30 a 14.30 horas. As dependencias pecharán domingo e luns. A concelleira de Turismo lembra, asemade, que toda a información de interese vencellada a este sector tamén se pode atopar na páxina web www.turismopoio.com, na que as persoas usuarias poden atopar os atractivos e recursos turísticos de todo o municipio, como son o Casco Histórico de Combarro, as visitas guiadas á Illa de Tambo, as sendas litorais e roteiros dos muíños ou a Variante Espiritual do Camiño Portugués, entre outros. A web tamén achega información sobre aloxamentos e sobre o sector da hostalería e os servizos turísticos, con horarios e localizacións.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio