A MOSTRA COMPOSTA POLAS OBRAS ARTÍSTICAS DO I MINI PRINT INTERNACIONAL GALICIA ADICADO A ADOLFO PÉREZ ESQUIVEL PODERASE VISITAR ATA O 12 DE XUÑO

12/01/2024

2023.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, participou este venres no acto para anunciar aos gañadores e gañadoras da primeira edición do Mini Print Internacional Galicia, no que colabora activamente o Concello e que está adicado ao Premio Nobel da Paz e Fillo Adoptivo do municipio Adolfo Pérez Esquivel, impulsor do emblemático Parque da Memoria da Seca (San Xoán). O rexedor, que estivo acompañado por membros da organización e do xurado, valorou moi positivamente o grao de participación nesta primeira convocatoria do certame, con máis de 224 obras recepcionadas desde diferentes países, e lembrou que desde hoxe mesmo, e ata o 12 de xuño, se pode visitar no Casal de Ferreirós a exposición composta por estas propostas artísticas. O horario de apertura ao público é de 10.00 a 14.00 horas, de luns a venres.

Os membros do xurado encargado de analizar e valorar os traballos outorgaron o primeiro premio, dotado con 2.000 euros, a Weronika Siupka (Polonia), coa súa obra ‘Flumine’, mentres que o segundo premio (1.000 euros) foi para Montserrat Badía Batlle, grazas á proposta ‘Desequilibrio’. O terceiro premio, pola súa banda, recaeu na obra sen título achegada polo xaponés Shogo Muto. Asemade, houbo dúas mencións de honra para a española Alexandra Ortiz de Zárate, coa obra ‘Peace’, e o australiano Cleo Wilkinson por ‘Prelude’. En canto ao Premio Especial para o ou a artista galega/residente en Galicia, foi para Maite Meixide (1.000 euros). A Mención de Honra nesta categoría foi para Juan Balay Martínez por ‘Mesa para construír II’.

Nesta primeira edición do Mini Print, a temática foi a paz. O presidente do xurado, Leonardo Rial, salientou o gran nivel do certame, que precisamente fixo que aos  catro premios económicos xa anunciados no seu día se lle sumasen tres mencións de honra. “Sentímonos moi satisfeitos pola calidade e a cantidade de traballos achegados”, indicou. Alemaña, Argentina, Australia, Austria, Bélgica, Brasil, Canadá, España, Estados Unidos, Francia, Italia, Xapón, Macedona, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, Romanía e Slovakia son os países de procedencia das obras que tomaron parte neste Mini Print.

O alcalde Sobral sinalou a importancia que ten para Poio “o vínculo que mantemos con Adolfo Pérez Esquivel, un dos nosos Fillos Adoptivos e gran embaixador do noso concello, grazas ao gran legado que nos deixou co Parque da Memoria da Seca”. Tanto Luciano Sobral como Victoria Portas recordan que a mostra tamén se poderá visitar na Biblioteca Pública de Cangas do Morrazo desde o 16 de xuño ata o 14 de xullo de luns a venres. En cambos casos, para organizar visitas especiais, será necesario consultar previamente cos organizadores.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio