A maxia do Nadal en Poio nace nas aulas

26/11/2025

O alumnado colaborou nas últimas semanas no pintado dos Elfos do Nadal que formarán parte das decoracións das sete Aldeas repartidas polo municipio. Na Aldea de Nadal de Combarro, a Asociación Leucoíña instalará un Mercadiño durante as festas con postos de artesanía, decoración, agasallos e comida.

O Nadal chega a Poio este sábado, día 29, coa inauguración oficial na Praza do Concello. Con todo, o espírito navideño leva semanas collendo forma grazas ao traballo dos escolares do municipio, que este ano volven ter un papel destacado na creación das decoracións das sete Aldeas de Nadal distribuídas polos lugares e prazas máis emblemáticas.

En liña coa temática da programación deste ano, o alumnado está pintando Elfos do Nadal que se sumarán ás casiñas e aos renos decorados en edicións anteriores. O obxectivo é involucrar a toda a cidadanía, grandes e pequenos, para converter Poio nun lugar máxico durante estas festas: “Queremos que Poio viva un Nadal único, con personalidade propia e moi participativo. Unhas festas nas que os protagonistas sexan os máis pequenos, tanto na programación como nos decorados”, subliña o alcalde, Ángel Moldes, que visitou os centros educativos xunto á concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, para agradecer persoalmente a colaboración do alumnado.

INAUGURACIÓN DO NADAL DE POIO ESTE SÁBADO

A inauguración do Nadal de Poio será este sábado, día 29, na Praza do Mosteiro, cunha festa que inclúe música, animación e a tradicional conta atrás para o acendido das luces ás 19.00 horas. Un acendido que este ano protagonizarán as persoas usuarias da Asociación Down Pontevedra – Xuntos. Unha iniciativa coa que o Goberno local quere recoñecer e dar visibilidade a todo o traballo desenvolto por esta entidade para apoiar e mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias, entre os que hai veciños e veciñas do municipio.

Coa inauguración do Nadal na Praza do Mosteiro, inauguraranse tamén as sete Aldeas de Nadal localizadas por todo o municipio que, desde hai dous anos, convertéronse en lugar de encontro para as familias do municipio: na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no Adro de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, no porto de Raxó, na Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño. A carpa Poio Máxico inaugurarase o venres 19 de decembro na Seca, converténdose en outro dos puntos centrais da programación.

MERCADIÑO DE NADAL EN COMBARRO

Por outra banda, a Asociación Cultural e Deportiva Leucoíña volve organizar, na Praza da Chousa e en colaboración co Concello de Poio, un Mercadiño de Nadal con postos de artesanía, decoración de Nadal e agasallos para estas festas. Ademais, como novidade, este ano haberá tamén postos de comida.

O mercadiño funcionará desde este sábado, 29 de novembro, coincidindo coa inauguración do Nadal de Poio, a partir das 19.30 horas, ata o 4 de xaneiro. O horario de apertura será: fins de semana e festivos, de 11.00 a 14.30 e de 16.30 a 20.30 horas; e os venres, de 16.30 a 20.30 horas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio