Tras o éxito do ano pasado, o Concello de Poio volve apostar polas Aldeas de Nadal, a carpa Poio Máxico e actuacións itinerantes e de calidade para todos os públicos coas que encher de vida e contido todas as parroquias. Adiantan que a programación deste ano esconde grandes sorpresas, que se anunciarán nos próximos días.
O Concello de Poio xa ten data para inaugurar o Nadal. Será o sábado, 30 de novembro, na Praza do Mosteiro, con música, animación e conta atrás para o acendido das luces. Tras o éxito do ano pasado, o Goberno local volve apostar polas Aldeas de Nadal e a carpa Poio Máxico para crear puntos de encontro e dinamizar a actividade en todas as parroquias e lugares do municipio.
Así, as Aldeas estarán situadas novamente na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no Adro de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, no porto de Raxó, na Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño, mentres que a carpa Poio Máxico volverase instalar na Seca. Aldeas de Nadal que introducirán algunhas diferencias e elementos novos con respecto o ano pasado para vover ser protagonistas do Nadal poiense.
Con respecto á programación, que se presentará nas próximas semanas, adiantan que será ampla, de calidade e para todos os públicos e, ademais, itinerante por todas as Aldeas. O obxectivo que perseguen desde o Goberno é que o Nadal de Poio se consolide como un lugar de encontro, de celebración, de convivencia, de ilusión e de participación. Ademais, adiantan que este ano o calendario de actividades sumará sorpresas de moitísima calidade, actuacións atractivas para grandes e pequenos que se anunciarán proximamente.
O Goberno de Poio apostou xa en 2023 por unha proposta de calidade, chea de contido e innovadora para o Nadal, que conseguiu cifras récord de participación en cada unha das actividades e propostas organizadas, cumprindo con todos os obxectivos que se marcaron e, sobre todo, recuperando a ilusión da veciñanza de Poio por estas festas.