A inauguración do Nadal de Poio será o sábado 29 de novembro na Praza do Mosteiro

10/11/2025

O alumnado da Asociación Xuntos será este ano protagonista do acendido das luces, para recoñecer e dar visibilidade a todo o traballo desenvolto por esta entidade. O Goberno local continúa a súa aposta por un Nadal con personalidade, atractivo e contido de calidade, que contribúa a dinamizar a actividade social, cultural e comercial en todas as parroquias.

O Concello de Poio xa ten data para inaugurar o Nadal. Será o sábado, 29 de novembro, na Praza do Mosteiro, con música, animación e conta atrás para o acendido das luces. Un acendido que este ano protagonizarán os alumnos e alumnas da Asociación Down Pontevedra – Xuntos. Unha iniciativa coa que o Goberno local quere recoñecer e dar visibilidade a todo o traballo desenvolto por esta entidade para apoiar e mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias, entre os que hai veciños e veciñas do municipio.

Down Pontevedra “Xuntos” é unha asociación de nais, pais e familiares que traballa pola inclusión das persoas coa Síndrome de Down. Naceu en decembro de 1991, despois de que un grupo de familiares de persoas coa Síndrome de Down decidiran xuntarse para acadar un obxectivo común: mellorar a calidade de vida das persoas coa Síndrome de Down e como consecuencia conseguir a participación destas persoas en todos os ámbitos (escolar, familiar, social, laboral…). Ao longo de todos estes anos, son moitas as familias de Poio que formaron ou forman parte da entidade.

O alcalde, Ángel Moldes, subliña que para Poio é un orgullo e unha honra contar coa participación de Xuntos e do seu alumnado. “É de xustiza poñer en valor toda a labor das entidades que día tras día traballan de xeito comprometido para mellorar a calidade de vida de tantas persoas”.

Nesta liña, recoñece que a experiencia do ano pasado coa participación do alumnado da Asociación Juan XXIII na inauguración do Nadal foi unha gran experiencia para todos, para o alumnado e tamén para a veciñanza de Poio, que esperan repetir de novo o próximo sábado 29.

UN NADAL CON CONTIDO, PARTICIPACIÓN E IDENTIDADE PROPIA

Coa inauguración do Nadal na Praza do Mosteiro, inauguraranse tamén as Aldeas de Nadal localizadas por todo o municipio que, desde hai dous anos, convertéronse en lugar de encontro para as familias do municipio.

Así, o Goberno local continúa a súa aposta por un Nadal con personalidade, atractivo e contido de calidade, que contribúa a dinamizar a actividade social, cultural e comercial en todas as parroquias.

As Aldeas de Nadal estarán situadas, un ano máis, na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no Adro de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, no porto de Raxó, na Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño, mentres que a carpa Poio Máxico volverá instalarse na Seca, converténdose en outro dos puntos centrais da programación. Unha programación que se presentará nos próximos días, aínda que o Concello xa adianta que será ampla, participativa, itinerante e pensada para todos os públicos, con actuacións de calidade e propostas para encher de vida todas as parroquias.

APOSTA POLA DINAMIZACIÓN E O DESENVOLVEMENTO LOCAL

Por último, Moldes subliña que contar cunha programación e unha proposta de Nadal tan potente e calidade é fundamental para o desenvolvemento local. “Estas iniciativas permiten fomentar o consumo e o turismo de proximidade, apoiar o comercio e a hostalería, xerar emprego temporal e revitalizar o espazo público, ao tempo que se promove o benestar e a cohesión social entre a nosa veciñanza”, sinala.

Neste senso, apunta que esta decoración e programación “especialmente coidadas” proxectan unha imaxe positiva, dinámica e moderna, convertendo Poio nun referente atractivo durante o Nadal.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio