A ilusión e a maxia do Nadal xa se senten en Poio

01/12/2025

O Concello inaugurou as festas na Praza do Mosteiro, na que non faltaron sorpresas, moita animación e o tradicional acendido das luces. Ángel Moldes agradeceu a implicación de tantos colectivos e tantas persoas para ofrecer un Nadal inesquecible para maiores e pequenos, e animou a percorrer as Aldeas de Nadal por todo o municipio.

A maxia do Nadal chegou a Poio e as rúas do municipio énchense de ilusión, luz e diversión para todas as idades. Veciñas e veciños de todas as idades déronse cita esta tarde na Praza do Mosteiro para inaugurar o Nadal de Poio, unha festa que chegou cargada de música, animación e sorpresas, dando o pistoletazo de saída a unha ampla programación familiar que se desenvolverá en todo o municipio ata o 6 de xaneiro.

Non faltaron a animación, música, maquillaxes e globos, como tampouco o chocolate e a rosca de balde e o tradicional acendido das luces de Nadal, que este ano protagonizaron as persoas usuarias da asociación Down-Xuntos Pontevedra. Ademais, tamén fixeron a súa aparición os Elfos do Nadal de Poio, que estas festas serán protagonistas dos espectáculos do Nadal que visitarán todas as parroquias, e outras moitas sorpresas, como a actuación da cantante Úrsula Pérez desde un dos balcóns da Casa do Concello, zancudos, fogos de luces, bengalas e incluso neve.

Na súa intervención, o alcalde destacou que o Nadal en Poio estase convertendo xa en referente, e estano conseguindo apostando por un contido con personalidade, atractivo, inclusivo e de calidade, que contribúe a dinamizar a actividade social, cultural e comercial en todas as parroquias, pero tamén gracias á colaboración e participación de tantas persoas e colectivos que permitirán converter estas festas en especiais e inesquecibles para nenos e maiores.

Moldes animou tamén a todas e todos a percorrer as Aldeas de Nadal distribuídas por todo o municipio e gozar dun programa pensado para ofrecer experiencias únicas durante todo o Nadal. Así, subliñou que o Nadal en Poio é unha proposta de calidade, completa, e moi atractiva, pensada para todas as persoas e que estará presente en cada recuncho do municipio. Por iso, convidou a veciños e visitantes a disfrutar nas próximas semanas da maxia dos elfos, das Aledas de Nadal e dunha programación chea de ilusión.

Coa inauguración do Nadal na Praza do Mosteiro, inauguraranse tamén as sete Aldeas de Nadal repartidas por todo o municipio, que desde hai dous anos se teñen consolidado como puntos de encontro para as familias e que están situadas na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no Adro de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, no porto de Raxó, na Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño.

UNHA PROGRAMACIÓN ATRACTIVA, DE CALIDADE E GRATUÍTA

A programación do Nadal promete sorprender, emocionar e encher de vida todas as parroquias do municipio. Este ano, a maxia vén protagonizada polos Elfos do Nadal de Poio, simpáticos personaxes que percorrerán as distintas parroquias para sorprender a veciños e visitantes e convidar a sumarse ao espírito festivo destas datas.

Eles serán o fío condutor para que cada Aldea sexa un lugar máxico con animación, música e bailes especiais da man de Javi Solla e Tere, completándose con actividades de animación na rúa organizadas por diferentes colectivos, como teatro, batucadas, obradoiros, contos, panxoliñas, música ou mesmo un anticipo das badaladas de fin de ano. Todas as datas e lugares pódense consultar nas redes sociais do Concello de Poio e na súa páxina web.

Na Seca, instalarase de novo a carpa Poio Máxico, que será escenario de obradoiros, zona de xogos e das actuacións máis destacadas desta tempada, como o espectáculo internacional Pica Pica, Os Tres Porquiños, Gramola Gominola, sesións de maxia con Iago Saavedra, Óscar Fernández e o Mago Paco, A Pirata Lola ou a Aldea Musical do Nadal con Nelson Quinteiro. Todas estas actividades serán gratuítas e pensadas para todos os públicos, garantindo a igualdade de oportunidades.

Ademais, a programación inclúe Mercado de Nadal na Praza da Chousa en Combarro, a tradicional papanoelada moteira polas estradas do municipio, a carreira San Silvestre, a visita de Papá Noel ás parroquias e, con respecto aos Reis Magos, este ano repetiran experiencia con dobre parada: o día 5 para visitar todas as parroquias e o 6 para despedirse de todos os nenos de Galicia desde Poio, cunha cabalgata participativa que rematará cunha gran festa de animación infantil no entorno da Carpa Poio Máxico.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio