Numerosas familias participaron na xornada inaugural, que incluíu o concerto da Gramola Gominola e a actuación do DJ Quico, ademais de inchables, atraccións e obradoiros para todas as idades. Ángel Moldes puxo en valor o esforzo do Concello de Poio para garantir unha programación de calidade que non exclúe a ninguén, con actuacións de primeiro nivel gratuítas, pero tamén con actividades, atraccións e xogos de balde para que toda a rapazada goce por igual do Nadal en Poio.
A carpa Poio Máxico arrancou esta tarde con éxito e unha gran participación familiar. Coincidindo co inicio das vacacións escolares, numerosas persoas achegáronse esta tarde ata A Seca para gozar da festa inaugural deste espazo que, xunto coas sete Aldeas de Nadal, é un dos puntos neurálxicos da programación do Concello de Poio para estas festas.
Atraccións gratuítas no exterior da carpa, talleres de maquillaxe, xogos para todas as idades, inchables e a música de La Gramola Gominola primeiro e a animación do DJ Quico despois, puxeron o ambiente e a maxia neste primeiro día de funcionamento da carpa.
O alcalde Ángel Moldes puxo en valor o importante esforzo que realiza o Concello de Poio para que a programación do Nadal sexa inclusiva e universal, con actuacións e actividades de moita calidade, tamén a nivel internacional, que no concello son totalmente gratuítas para as familias, non só supoñendo un importante aforro para as economías domésticas, senón tamén abrindo a posibilidade á participación de moitas familias que non poden asumir eses custos. Pero tamén son de balde en Poio todos e cada un dos obradoiros, xogos e talleres, incluso as atraccións que se sitúan no exterior da carpa Poio Máxico ou nas Aldeas de Nadal. “Non queremos que ningún neno quede fóra do Nadal en Poio. Temos unha programación moi potente para que toda a rapazada goce por igual, independentemente de cal sexa a situación nos seus fogares. O Nadal é tempo de maxia, de ilusión, de esperanza… e por iso en Poio apostamos por unha programación que sexa para todas as persoas sen excepción”, sinalou.
Poio Máxico é un punto de encontro para as familias durante este Nadal, cunha programación moi ampla pensada para que persoas de todas as idades poidan gozar xuntas destas datas tan especiais. Estará aberta ata o día 6 de xaneiro, en horario de 16.30 a 20.30 horas. Inclúe zonas de xogo para a primeira infancia (0-3 anos), talleres diarios (manualidades, contacontos, creación de pulseiras, experimentos de slime, xogos tradicionais, origami, decoración de galletas…), inchables, atraccións, zona xuvenil con mesa de ping-pong, futbolín…, área de lactancia e unha completa oferta de actuacións durante todas as festas.
Durante estas festas, o escenario da carpa Poio Máxico acollerá tamén outras propostas interesantes. Mañá sábado, día 20, a partir das 17.30 horas, terá lugar a entrega dos premios do Concurso de Tarxetas de Nadal e, a continuación, os asistentes poderán gozar do espectáculo musical Os tres Porquiños, en colaboración co programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra. Os tres Porquiños é unha obra musical con bonecos a tamaño real. Unha revisión da tradicional fábula para adaptala aos novos tempos, incluíndo a figura de Xan e Xiana, dous exploradores moi afeccionados aos contos, que se adentran no bosque para coñecer os seus personaxes favoritos. Xa o domingo, ás 18.00 horas, a maxia converterase na protagonista da tarde cun obradoiro infantil e a posterior actuación dos magos Iago Saavedra e Sara Rodríguez, con espectáculos participativos e cheos de humor para sorprender a públicos de todas as idades.
A programación complétase con actuacións como “A maxia do Nadal” do Mago Paco (xoves 25), a “Aldea Musical de Nadal” con Nelson Quinteiro (venres 26), os concertos da Escola de Acordeóns de Campelo (sábado 27) e da Escola de Música de Poio (domingo 28), o teatro infantil A Pirata Lola (sábado 3 de xaneiro) ou o espectáculo internacional de Pica Pica coa súa proposta “Navidad Total” (domingo 4 xaneiro), entre outras actividades que farán da carpa Poio Máxico un dos grandes puntos de encontro do Nadal en Poio.