A I Xuntanza de Maiores de Poio celebrarase o 28 de abril

30/03/2024

Dáse resposta a unha petición feita polos maiores, que asisten ás festas que organizan outros concellos pero que teñen a ilusión de gozar da súa propia xuntanza en Poio.

30, marzo, 24.- O Concello de Poio organiza a finais de abril a I Xuntanza de Maiores, que se celebrará o domingo 28 nunha carpa instalada na Reiboa, A Seca. O alcalde, Ángel Moldes, acompañado polos concelleiros de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e de Festexos, Fran Dasilva, presentaron a primeira edición dunha xornada que, segundo explica Moldes, “dá resposta a unha petición feita polos propios maiores do noso concello, que asisten ás festas que se organizan noutros municipios limítrofes pero tiñan a ilusión de gozar da súa propia xuntanza en Poio”.

A xornada, que comezará ás 13.00 horas, inclúe xantar (callos, carne ao caldeiro, bebidas e postre), baile con música en directo e sorteo de agasallos entre os participantes. “Queremos que esta xuntanza sirva como punto de encontro para os maiores de todo o municipio, unha excusa para pasar unha xornada de lecer e de convivencia todos xuntos”, engade. Nesta liña, incide na importancia de poñer en valor o envellecemento activo e aumentar a oferta de ocio e de lecer para os maiores con propostas que se adapten aos seus gustos.

As persoas interesadas en asistir poden retirar os seus convites desde este luns no Palacete de Besada, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Esta actividade ten un custe de 20 euros. O primeiro prazo de inscrición é exclusivamente para a veciñanza empadroada en Poio, persoas xubiladas ou pensionistas maiores de 60 anos, que poderán comprar as súas entradas ata o luns 15 de abril. E entre os días 16 e 22, amplíase a inscrición para aquelas persoas doutros concellos que queiran asistir e participar na I Xuntanza de Maiores de Poio.

“Estamos moi ilusionados de que os nosos maiores poidan, por fin, gozar no seu concello das xuntanzas ás que asisten noutros municipios. Para eles é importante reunirse cos seus propios veciños e, incluso, ser anfitrións dos que se achegan desde outros lugares. É unha proposta que parte deles, que nos pareceu moi interesante, e que facemos realidade”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio