Correrase a tarde do 31 de decembro entre Campelo e A Seca e haberá sorteos, premios e chocolatada para os asistentes, que se poden anotar en sansilvestrepoio@gmail.com. San Martiño adianta as badaladas de fin de ano, con cotillón, uvas e música para mañá ás 21.00 horas.
A primeira San Silvestre de Poio xa conta con máis de 200 persoas inscritas. Organizada polo Concello de Poio e o Club Atletismo Illa de Tambo, coa colaboración da Asociación de Veciños de Campelo, correrase o martes 31 de decembro a partir das 16.30 horas.
Hai dous percorridos: unha carreira de tres quilómetros entre Campelo e A Seca e, unha vez rematada, tres circuítos infantís, segundo as súas idades, nas inmediacións da Seca. As inscricións son gratuítas e pódense facer ata o propio día 31, aínda que desde a organización recomendan cumprimentala previamente no enderezo electrónico sansilvestrepoio@gmail.com.
O concelleiro de Deportes, Cándido Muíños, que se reuniu estes días con representantes do Club Illa de Tambo para ultimar os preparativos, adiantou que “era casi unha obriga que Poio, un concello con gran paixón polo deporte, contase coa súa propia San Silvestre. Unha carreira para disfrutar en familia, coas amizades e veciñanza, para despedir o ano facendo deporte nun ambiente festivo e alegre e estou convencido de que esta será a primeira de moitas edicións”. Ademais da parte deportiva, tamén haberá sorteos entre as persoas participantes, agasallos e chocolatada.
BADALADAS PRE FIN DE ANO EN SAN MARTIÑO
Pero a despedida do ano 2024 xa se adianta a mañá luns, día 30, coa festa pre fin de ano e as badaladas en San Martiño. Veciñanza e visitantes achegaranse ata a Aldea das Badaladas para despedir por todo o alto o ano con uvas, cotillón e moita música, organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Santa Trahamunda e o Concello de Poio.
A cita comezará xa ás 17.30 horas co Bule Bule do Nadal na Aldea das Badaladas, na contorna da Igrexa, neste caso a cargo do Grupo de Entroido de Samieira, que se encargará de animar as rúas, con exhibición, música e un obradoiro de maquillaxe de Nadal a partir das 17.30 horas.
Xa pola noite, desde as 21.00 horas comezará a festa Pre Fin de Ano, coas actuacións de Arroww DJ e as pandereteiras do Ronsel.