A homenaxe ás “mulleres que fan Poio” e accións nos centros de ensino marcan a programación para o 8M

26/02/2026

O recoñecemento á traxectoria de Carmen Pazos, Carmen Soto, Susa Vicente, Rosalina Gómez e Magdalena Rosales será o venres 6 no Pazo Besada. Alumnado de Poio coñecerá a traxectoria destas mulleres referentes a través de contacontos musicados. Continúan no IES de Poio os talleres sobre novas masculinidades.

O Concello de Poio presenta a programación coa que conmemorará o Día Internacional da Muller, unha proposta que comezará o venres 6 de marzo coa homenaxe “Mulleres que fan Poio”, un acto moi emotivo no que se recoñecerá a traxectoria e o compromiso de cinco veciñas do municipio.

O alcalde, Ángel Moldes, subliña que no municipio “hai moitas mulleres que son exemplo de forza, de empuxe e de constancia”, polo que considera importante poñer en valor as súas historias de vida. “Serven para recoñecer os avances conseguidos, pero tamén para lembrar que é fundamental seguir traballando, coa implicación de toda a sociedade, por unha igualdade real, inclusiva e efectiva”, destaca.

As protagonistas deste ano serán Carmen Pazos García (San Salvador), Carmen Soto Buceta (San Xoán), Susa Vicente Pérez (Combarro), Rosalina Gómez Pereira (Samieira) e Magdalena Rosales Pazos (Raxó). Cada unha representa unha das parroquias do municipio e foi escollida como exemplo da contribución das mulleres á vida social, laboral e comunitaria de Poio. A selección realizouna o Consello Municipal da Muller, no que participan representantes da corporación municipal e diferentes colectivos sociais.

Elas serán as protagonistas dun documental que xa se está gravando estes días, da man do xornalista Quique Morales, e que recollerá algunhas das súas vivenzas, opinións e lembranzas.

A xornada do 6 de marzo completarase ás 12.00 horas cun parón institucional diante da Casa do Concello, no que se dará lectura ao manifesto institucional do 8M, no que se reivindica a igualdade como unha cuestión de democracia, dereitos humanos e xustiza social.

ACTIVIDADES NOS CENTROS EDUCATIVOS

A programación inclúe tamén iniciativas dirixidas ao alumnado. Tal e como destaca o alcalde, Ángel Moldes, “traballar coa infancia e coa mocidade é fundamental para rachar estereotipos e avanzar cara relacións máis xustas e respectuosas”.

De feito, así se recolle tamén na Declaración Institucional do Concello de Poio que se leu no pleno desta semana, e que apunta que a educación en igualdade é actuar con responsabilidade no presente para garantir dereitos no futuro: “Só a través dunha educación consciente e inclusiva poderemos construír unha sociedade máis xusta, libre de violencias e discriminacións, onde todos e todas teñan as mesmas oportunidades para crecer e desenvolverse plenamente”.

Neste contexto, todos os centros de educación primaria do municipio recibirán a visita do contacontos musicado de Quique Mauricio, unha proposta didáctica e participativa que combina narración oral e música en directo. A través destas sesións, o alumnado poderá coñecer as historias de vida das cinco mulleres homenaxeadas este ano polo 8M, achegándose ás súas experiencias de superación, traballo e compromiso coa comunidade. Visitarán os colexios de Isidora Riestra e Viñas o luns día 9; Lourido e Chancelas o mércores 11 e, por último, Espedregada o luns 16. A actividade busca poñer en valor referentes femininos próximos, facilitando que os nenos e nenas identifiquen na súa contorna exemplos reais de igualdade, esforzo e participación social.

Ademais, no IES de Poio estase a desenvolver ao longo do curso o obradoiro “(Des)armando masculinidades, (Re)construíndo feminidades”, unha proposta educativa que busca promover a reflexión sobre a identidade de xénero e fomentar relacións máis igualitarias entre a mocidade.

TRAXECTORIA DAS HOMENAXEADAS

No caso de Carmen Pazos García, púxose en valor a súa ampla traxectoria no asociacionismo veciñal. Na actualidade preside a asociación de veciños do Bao, desde onde leva anos impulsando iniciativas para dinamizar a zona e fomentar a participación da veciñanza.

Carmen Soto Buceta, natural de San Xoán, medrou nun contexto rural marcado polo traballo no campo e as limitadas oportunidades formativas. Co paso do tempo abriu a súa propia taberna, A Caraina, que tamén funcionou como tenda de ultramarinos de referencia para moitos veciños e veciñas, converténdose nun exemplo de traballo, solidariedade e compromiso coa comunidade.

Pola súa banda, Susa Vicente Pérez, nada en Combarro, é a redeira máis veterana de Poio. Ao longo da súa vida compaxinou este oficio co marisqueo e transmitiu os coñecementos do traballo artesanal ás novas xeracións. Tras enviuvar con 50 anos, asumiu en solitario a responsabilidade de sacar adiante a súa familia, afrontando con determinación o traballo do fogar, do campo e do mar.

No caso de Rosalina Gómez Pereira, recoñécese a súa traxectoria profesional como celadora e, especialmente, o seu compromiso social unha vez xubilada, colaborando de forma altruísta en numerosas iniciativas e eventos solidarios impulsados no municipio.

Finalmente, Magdalena Rosales Pazos, veciña de Raxó, desenvolveu unha longa vida laboral vinculada ao mar. Traballou nas bateas, nunha fábrica e como peixeira, percorrendo durante anos as rúas do concello e formando parte da economía local tradicional.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio