Ángel Moldes acompañou á directiva na presentación da festa, que comezará ás 12.00 horas.
A Asociación de Veciños Boureante, coa colaboración do Concello de Poio, celebrará este domingo, 14 de setembro, a XV edición da tradicional Festa dos Callos, que terá lugar na Seca.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, acompañou esta mañá á directiva da asociación na presentación do evento, no que se espera repartir arredor de 1.500 racións deste prato típico.
Moldes salientou a importancia desta iniciativa veciñal, “nacida co obxectivo de poñer en valor o entorno da Seca e da Reiboa”, e destacou o seu crecemento constante ao longo dos anos: “Edición tras edición, a Festa dos Callos conseguiu gañar cada vez máis comensais”. Tamén puxo en valor a elaboración do prato: “Os callos sempre son un reclamo, e se lle engadimos este fermoso entorno e o mimo co que as cociñeiras preparan as racións, dun xeito totalmente artesanal, estou convencido de que será, unha vez máis, un éxito rotundo”.
A festa comezará ás 12:00 horas e contará tamén coas actuacións da Escola de Música Tradicional de Poio e das Pandereteiras Armadiña, garantindo un ambiente festivo e familiar durante toda a xornada. Recordan que, ademais, haberá unha carpa para que a choiva non sexa unha escusa para gozar da festa.
A ración de callos, que inclúe pan e bebida (viño ou auga), terá un prezo popular de 12 euros.