A FESTA DE FÁTIMA TRAERÁ A CAMPELO A GRANDES GRUPOS MUSICAIS DENTRO DUNHA AMPLA PROGRAMACIÓN

12/01/2024

2023.

Xa está todo listo para que Campelo goce da programación das Festas da Fátima, cun amplo programa no que colabora o Concello de Poio e que contará durante catro días (entre o 12 e o 16 de maio) con grandes actuacións musicais e eventos deportivos, ademais de moitas sorpresas. Precisamente, o peche o martes 16 será un dos grandes momentos cos concertos de París de Noia e de Los Coleguitas, que forman parte do ciclo ‘Primavera en Poio’.

O edil de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez, participou hoxe, acompañado das persoas responsables da Comisión de Festas e as concelleiras Marga Caldas e Raquel Rodríguez, na presentación do programa, que se iniciará este venres ás 22.00 horas cun concerto a cargo de Milladoiro, un dos grupos de referencia do país. Esta actuación chega a través da Xunta de Galicia. O sábado 13, desde primeira hora iniciaranse as alboradas con protagonismo para colectivos locais como Vides Novas e a Escola de Música Tradicional de Poio. Pola tarde, ás 17.00 horas, comezará a Maratón de Fátima, organizada pola Asociación de Veciños de Campelo e a Concellería de Deportes, para a cal xa están inscritos máis de 200 participantes a día de hoxe. A saída será desde a Praza da Granxa e o evento estará amenizado pola Batucada Os Queimatasas. Posteriormente, ás 19.30 horas, terá lugar a misa solemne na honra da patroa, cantada polo Coro Virxe de Fátima de Campelo, cunha procesión posterior na que tomará parte a Banda de Guerra da Brilat. Esta xornada finalizará cunha gran actuación a cargo da Orquestra Marbella.

Con respecto ao domingo 14, outra das citas máis agardadas será ás 11.00 horas, coa Andaina Popular organizada pola Asociación de Veciños e a Concellería de Deportes. As inscricións poderanse facer desde media hora antes da saída, fixada na Praza da Granxa. Ao longo da mañá amenizarase a xornada cunha actuación a cargo das Pandeireteiras do Ronsel e tampouco faltará a animación infantil. O Grupo Rever, pola súa banda, tamén estará presente na sesión vermú fixada para as 13.00 horas.

Por último, o fin de festa chegará o martes 16 co peche do programa Primavera en Poio, organizado pola Concellería de Festexos, que, en colaboración coa Comisión de Festas, trae nesta ocasión a Campelo a París de Noia. Tamén actuará o grupo Los Coleguitas. A organización informa de que o aforo será limitado.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio