A partir das 22.00 horas no campo de fútbol e con entrada gratuíta.
O Concello de Poio volve apostar pola música urbana e o talento galego cun novo evento dirixido á mocidade: a Festa da Xuventude de Samieira, que terá lugar mañá xoves, 7 de agosto, no campo de fútbol da parroquia. A xornada contará con seis horas ininterrompidas de música, dende as 22:00 h ata as 04:00 h, da man dalgúns dos nomes máis prometedores da escena DJ galega.
A sesión comezará coa actuación de Olalla Rodríguez ás 22.00 horas, seguido de Aitor Alfonsín que estará no escenario de Samieira ata a medianoite. De seguido, será quenda de Rubén Rey e á 01.00h pinchará Hugo Martínez. Borja Solla comezará ás 02.00 horas, para rematar a Festa da Xuventude con MJR, ás 03.00 horas.
O evento, de acceso gratuíto, está organizado polo Concello de Poio coa colaboración da ACD Galo Bruxo, a ACD Andaina de Samieira e a Comunidade de Montes. Trátase dunha nova proposta dentro da programación estival do municipio, pensada para ofrecer alternativas de lecer de calidade á mocidade local.
Tras o éxito do festival Senda do Mar, celebrado recentemente na Seca, Poio continúa así coa súa aposta pola cultura musical e anima á mocidade a participar nesta cita para gozar do mellor da escena urbana galega nun ambiente festivo e seguro.
O Concello de Poio está ofrecendo este verán unha ampla programación cultural, lúdica e deportiva coa que está enchendo de vida as rúas, prazas, parques e praias, ofrecendo tempo de lecer e de ocio para todas as idades e en todas as parroquias, ao mesmo tempo que se contribúe á dinamización socioeconómica do municipio.
OS ARTISTAS
Borja Solla é un dj galego cun estilo persoal e contundente, habitual en eventos urbanos onde destaca pola súa versatilidade en cabina e conexión co público. Vén de participar hai unha semana no Senda do Mar que se celebrou na Seca, onde puxo a bailar aos milleiros de mozos e mozas que asistiron ao festival.
Hugo Martínez é un DJ de Cangas do Morrazo de tan só 21 anos, pero cunha presencia constante en salas importantes como Queen, Polaris, Circus, Tokyo ou Buddha Sanxenxo. Aposta por sons urbanos con ritmos latinos, Dembow e reggaeton.
MRJ é un proxecto liderado por Javi, DJ e produtor galego, cunha ampla formación musical. O seu estilo mestura contundencia, carisma ao micro e sets de alto voltaxe. Compartiu cartel con artistas como Saiko, Lazowi, Cano, Ballesteros ou José de las Heras e forma parte de Latinbox.
Aitor Alfonsín é residente do coñecido Buddha Bar en Sanxenxo e habitual nos clubs galegos. Domina o terreo urbano e club con técnica e versatilidade.
Rubén Rey é residente do Harbour, en Vilagarcía de Arousa, e combina elegancia e contundencia en sets urbanos e con toques electrónicos.
Por último, Olalla González, de Redondela, é unha DJ moza cunha forte proxección que destaca polo seu estilo atrevido, versátil e contundente en cabina.