A escritora galega Baia Fernández De La Torre presenta en Poio o seu novo libro: “O Faiado das Papoúlas”

03/12/2025

O xoves, 11 de decembro, ás 20.00 horas no Casal de Ferreirós.

A autora Baia Fernández De La Torre, coñecida polo seu labor como escritora, creadora de contido en YouTube e adestradora emocional, presentará en Poio o seu novo libro “O Faiado das Papoúlas”. Será o xoves, 11 de decembro, ás 20:00 horas no Casal de Ferreirós, e contará coa presenza da propia autora e da poeta Elisabeth Oliveira.

O “Faiado das Papoúlas” é un libro de poesía intimista cun forte carácter reivindicativo e social. A obra afonda nun faiado simbólico, ese espazo metafórico no que se gardan as memorias da nosa linaxe e ao que debemos acudir para sandar as feridas máis profundas do inconsciente.

O volume está ilustrado por Paula Pereira (Cavalinho do Demo) e deseñado por Martinho Picallo, quen contribúen a crear unha obra que invita á reflexión sobre o lugar que ocupan as mulleres na sociedade actual, así como sobre as pegadas do machismo que continúan invisibilizadas.

Esta publicación é a cuarta da autora e a súa segunda obra poética, dez anos despois de que se estreara no panorama literario con “Unha Viaxe Ruminantes”, poemario que inclúe o poema “Engano”, recoñecido pola EOI como un dos mellores do ano e galardoado co 2º posto no Certame aRi[t]mar 2016.

Entre as súas incursións literarias, Baia Fernández De La Torre tamén publicou contos ilustrados con títulos como “Laia”, con ilustracións de Leandro Lamas, e “Caracol, Cara de Col”, ilustrado por Tania Solla, que traen consigo valiosas aprendizaxes emocionais.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio