A Escola de Acordeóns de Campelo actúa este venres en Burgos con motivo das Letras Galegas

16/05/2024

A concelleira Natalia Sabarís amosa o orgullo que supón para Poio e para Campelo contar cunha agrupación que, sen dúbida, é un referente no mundo do acordeón.

A Escola de Acordeóns de Campelo actúa este venres, 17 de maio, en Burgos, no concerto organizado polo Centro Galego desta cidade para celebrar o Día das Letras Galegas. Unha representación do grupo de acordeóns, maioritariamente moza, ofrecerá un repertorio tradicional galego e, a continuación, actuará de xeito conxunto cos grupos locais Orquestra de Acordeóns Ritmo e a agrupación Foles e Ferreñas.

A concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, achegouse ata a escola esta mañá para amosarlle o orgullo que supón para Poio e para Campelo contar cunha agrupación que, sen dúbida, é un referente no mundo do acordeón.

A Escola de Acordeóns de Poio naceu en 1980, sendo unha das primeiras escolas deste instrumento en Galicia e que conta cunha grande traxectoria. Na actualidade conta cun gran número de integrantes de diferentes idades. De feito, pola escola pasou numeroso alumnado que na actualidade ten na música a súa profesión, tanto en grupos musicais, en orquestras ou incluso na docencia. Percorren toda a xeografía galega e nacional, e este ano sairá o seu novo traballo discográfico.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio