A Deputación adaptará o proxecto de humanización de Campelo ás propostas dos veciños

01/03/2024

Os veciños ateigaron onte o espazo municipal de Campelo para participar na reunión convocada polo Concello de Poio e a Deputación de Pontevedra, na que os técnicos provinciais explicaron o proxecto para mellorar a seguranza viaria e crear unha senda peonil na EP 0601, entre Campelo e o entorno da Seara. Un encontro que contou coa participación do alcalde, Ángel Moldes, así como da deputada provincial de Infraestruturas e Mobilidade, Isabel Couselo, quen destacou que “este proxecto data do ano 2022, e xa estaba pechado cando o novo Goberno chegou á Deputación de Pontevedra pero que, a petición do alcalde, están dispostos a facer modificacións e asumir eses custes económicos para adaptalo ás necesidades reais e propostas dos veciños que residen neste lugar”.

Nesta liña, puntualizou que “Moldes foi un dos primeiros alcaldes que, como deputada provincial, lle solicitou unha reunión para coñecer os proxectos que había pendentes no seu concello”. Nese primeiro encontro, no que tamén participou o concelleiro de Obras, Marcial García, “amosaron as súas dúbidas cunha rotonda e a alternativa que se propoñía no proxecto para o sentido único de circulación, xa que desviaban o tráfico polos Mouchos, un camiño municipal que en absoluto ten capacidade para asumir todo ese fluxo de coches”. E por iso decidiron trasladar o proxecto aos veciños para escoitar as súas opinións. “Vós sodes os que vivides neste lugar e os que ides convivir diariamente coas actuacións que se realicen”, indicou o alcalde Ángel Moldes.

Nesta liña, sinalou que “si hai que cambiar algo no proxecto, é o momento de facelo. Redactar un proxecto que guste a todos é imposible, pero si pode contemplar a opinión da maioría e facer unha proposta que se adapte ás necesidades e particularidades de Campelo e, sobre todo, que non provoque novos problemas”. Referiuse así a que ao instaurar o sentido único desde a Praza da Granxa ata o camiño dos Mouchos, o proxecto de 2022 desvía o tráfico en sentido inverso (o que acceda desde a PO-308) por un camiño municipal “que non ten ancho nin capacidade para asumir eses coches, o que prexudicará á seguridade dos veciños dese lugar”, dúbidas que tamén compartiron os veciños cuestionando que esa alternativa sexa a idónea.

O proxecto pódese consultar nas redes sociais do Concello de Poio, e nos próximos días abrirase prazo para que os veciños que queiran poidan solicitar unha cita cos técnicos do proxecto, que se desprazarán a Campelo para que as persoas interesadas formulen as súas dúbidas e propostas.

O proxecto redactado ten un orzamento de 3M€, e afecta a un tramo de 1,8m de lonxitude. Inclúe reforma da contorna da Praza da Granxa, sendas de 2,5 metros de ancho, soterramento de instalacións e definicións de prazas de aparcamento. Ademais, inclúe sentido único entre a saída da praza da Granxa e o camiño dos Mouchos, onde prevé crear unha rotonda para desviar o tráfico inverso cara Campelo por ese camiño municipal.

Consulta o proxecto.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio