A CORPORACIÓN MUNICIPAL INSTA Á XUNTA A QUE MODIFIQUEN CRITERIOS PARA FACILITAR A DOTACIÓN DE CADEIRAS DE RODAS ELENTRICA ÁS PERSOAS CON PARÁLISE CEREBRAL

12/01/2024

2023.

A Corporación municipal celebrou este martes o último Pleno ordinario do mandato actual, que serviu para aprobar unha moción impulsada por todos os grupos políticos (Bloque Nacionalista Galego, PSdeG-PSOE, Avante Poio e Partido Popular), para instar á Xunta de Galicia, así como á Consellería de Sanidade, a que modifiquen os criterios para facilitar a prescrición de cadeiras de rodas eléctricas para aquelas persoas que padecen parálise cerebral. Tal e como consta no documento, esta medida estaría pensada para veciños e veciñas que non dispoñen da capacidade para controlar o dispositivo de maneira autónoma, para que poidan ser manexadas polas persoas que exercen os seus coidados, “facilitando deste xeito a súa integración social, así como a das súas familias”.

Este acordo plenario chega despois de que este asunto tamén recibise o respaldo da Mesa en Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio. A proposta súmase á campaña posta en marcha pola Federación Amencer – Aspace, co obxectivo de visualizar a situación diaria que viven coas cadeiras manuais e as dificultades ás que se expoñen para poder realizar os desprazamentos dos seus achegados e achegadas, “que ven minguada a súa calidade de vida ao non poder convivir con cadeiras de rodas manuais e desgastadas”.

Os grupos da Corporación coinciden á hora de denunciar que “a pesar desta grave situación, hai familias que viron denegadas as súas solicitudes para a adquisición dunha cadeira eléctrica por non cumprir cos requisitos necesarios”. Neste punto, a moción advirte de que o Sergas esixe que os usuarios e usuarias teñan capacidade para poder manexar os dispositivos, algo que “afecta á calidade de vida dos coidadores e das persoas con parálise cerebral, posto que non poden gozar dunha vida plena”. O documento pon como exemplo os problemas que padece unha familia de Poio, na que un rapaz de 1,90 metros e 100 quilos de peso vese na obriga de utilizar unha cadeira manual. “Unha cadeira eléctrica evitaría o desgaste físico que supón tanto para el como para os coidadores e coidadoras a situación actual”, indica o documento, que incide na necesidade de continuar reclamando o dereito a unha integración social real “para poder dispor dos recursos sanitarios que lles permitan vivir e desprazarse con liberdade”.

Este foi un dos acordos unánimes que se acadou no derradeiro Pleno ordinario do mandato vixente, que foi o último presidido polo alcalde, Luciano Sobral, e que tamén supón a despedida doutros integrantes da Corporación, como é o caso do nacionalista Xosé Luís Martínez, actual responsable de Medio Ambiente, Festexos e Persoal, e da socialista Rosa Fernández, concelleira de Benestar Social e Mocidade.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio