A CONCELLERÍA DE TURISMO REFORZARÁ O SERVIZO DE ATENCIÓN AO PÚBLICO NO CASAL DE FERREIRÓS CUNHA CONTRATACIÓN TEMPORAL

12/01/2024

2023.

A Concellería de Turismo vén de recibir unha achega de máis de 6.000 euros por parte da Deputación de Pontevedra, que servirá para reforzar o servizo de atención e información ao público no Casal de Ferreirós, situado no núcleo da parroquia de San Salvador. Trátase dunha subvención que a institución provincial impulsa para aquelas dependencias que forman parte da rede Info Rías Baixas, á que pertencen as instalacións de Ferreirós. Esta iniciativa ten coma obxectivo colaborar no fomento e profesionalización do sector.

Segundo explica a tenente de alcalde e responsable desta área, Silvia Díaz (Avante Poio), esta axuda permitirá a contratación temporal dun técnico ou técnica, durante un período de catro meses, coincidindo coa época estival, na que o número de visitantes que recibe o municipio aumenta de xeito exponencial, ao ser un dos destinos turísticos de referencia na provincia de Pontevedra. O investimento total para contar con este reforzo ascende a un total de 8.954 euros. O 80% finánciase a través da achega da Deputación, mentres que o Concello de Poio asume o 20% restante.

Ademais, desde a Concellería de Turismo lémbrase que a día de hoxe están operativos tanto o Casal de Ferreirós como a Oficina de Turismo de Combarro. No primeiro caso, o horario de atención ao público é de 8.30 a 14.30 horas, de luns a venres, mentres que en Combarro as dependencias están operativas de martes a sábado de 9.30 a 20.30 horas e os domingos de 11.00 a 13.30 horas, permanecendo pechadas os luns. A maiores, tamén se pode visitar a Casa Museo de Colón, en Portosanto, de 15.30 a 20.30 horas de martes a venres ou ben os sábados en horario de mañá (de 9.30 a 14.30 horas). Pódese obter máis información na páxina web www.turismopoio.com

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio