A CONCELLERÍA DE OBRAS XESTIONA UN APARCADOIRO DISUASORIO NAS INMEDIACIÓNS DE ANAFÁNS

12/01/2024

2023.

O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, o socialista Julio Casás, informa de que o Concello pon a disposición da veciñanza un aparcadoiro disuasorio nas inmediacións de Anafáns. Este espazo emprázase nunha parcela situada moi próximo da intersección da PO-308 coa vía de acceso ao Centro de Saúde. Tal e como explica o delegado deste departamento, este terreo poderá ser utilizado mentres duren as obras de rehabilitación que se están a acometer na contorna da Rúa do Adro e da Porteliña, iniciadas hai xa uns días. “Este é o segundo aparcadoiro que xestionamos para ofrecer ás persoas residentes un lugar no que estacionar mentres se desenvolvan os traballos”, indica Casás Barral, que agradece a colaboración dos propietarios destes terreos.

O titular de Obras e Servizos Municipais indica, ademais, que, no caso deste segundo aparcadoiro, a intención é que siga operativo tamén unha vez que comece a rehabilitación proxectada na contorna do Centro de Saúde de Anafáns. Esta é unha actuación que actualmente se atopa en proceso de adxudicación e que está impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, dirixida polo tamén socialista Gregorio Agís. Neste caso, os traballos, que se financian a través de fondos da Deputación de Pontevedra, centraranse na dotación de espazos para peóns, a ampliación da vía e a dotación de prazas de aparcamento nas proximidades do centro sanitario. “Estamos a falar dun proxecto que suporá un cambio substancial nun emprazamento chave, ao atoparse o Centro de Saúde e tamén numerosas vivendas e negocios”, apunta Julio Casás.

Tanto esta actuación como a que xa se está a realizar en Adro-Porteliña servirán, en palabras do concelleiro de Obras e Servizos, “para mellorar notablemente a calidade de vida da veciñanza nun dos núcleos máis habitados da parroquia de San Salvador”. Precisamente, as persoas residentes tiveron ocasión de coñecer algúns dos detalles destes traballos na reunión informativa que Gregorio Agís celebrou a pasada semana no adro da igrexa, para dar conta destas actuacións e do operativo de tráfico habilitado temporalmente.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio