2023.
A tenente de alcalde e concelleira de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), acompañada pola psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM) de Poio, Lidia Fazanes, deu a coñecer este venres a programación que desde este departamento municipal se organiza para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O programa inclúe actividades que se desenvolverán ao longo de todo o mes, entre as que non faltarán sesións de contacontos nos centros educativos ou o habitual acto institucional ás portas do Consistorio, o propio mércores 8 de marzo.
O acto central celebrarase o venres 10 de marzo, a partir das 20.00 horas, no Palacete de Besada. Será entón cando teña lugar a homenaxe pública a cinco mulleres, veciñas todas elas do municipio, “que son un exemplo de fortaleza, superación e de vida para todas e todos nós”, tal e como sinalou Díaz. Julia Prado Iglesias (Raxó), Dolores Balboa Barreiro (Samieira), Laura Currás Fernández (Combarro), Peregrina García Castro (San Xoán) e Rosa Rey Amoedo (San Salvador) serán as grandes protagonistas dunha cita que se recupera logo das dúas últimas edicións do 8-M, condicionadas pola situación sanitaria. “É necesario dar visibilidade e coñecer a historia das mulleres que nos rodean e que son os nosos modelos máis inmediatos, valorar a importancia da contribución á sociedade das nosas nais e as nosas avoas. O seu papel foi durante moitos anos relegado a un segundo plano, e delas temos moito que aprender”, sinalou a titular de Igualdade. A proposta e elección das homenaxeadas foi realizada polas asociacións que forman parte do Consello Municipal da Muller.
Sobre as súas vidas trata, precisamente, o libro “Mulleres en Poio 2023”, que será presentado no devandito acto do día 10. O libro está realizado por Polo Correo do Vento e ilustrado por Tania Solla. A súa publicación finánciase a través dunha subvención de 6.000 euros concedida a Igualdade pola Deputación de Pontevedra. As vidas de Julia, Dolores, Laura, Peregrina e Rosa serán tamén o eixe central dos contacontos que se levarán a cabo por parte dos propios integrantes de Polo Correo do Vento nos CEIPS do municipio. A primeira sesión terá lugar o día 21 no CEIP Viñas para, a continuación, desenvolverse en Lourido e Isidora Riestra (xoves 23) e Chancelas e Espedregada (venres 24). “Contamos nesta campaña cunha artesá de Poio, Alba López, de Buchiladas, que deseñará os agasallos das homenaxeadas”, agregou Díaz.