A CONCELLERÍA DE FESTEXOS DESTINA 62.500 EUROS A TRAVÉS DA LIÑA DE AXUDAS PARA ORGANIZACIÓN DE ACTIVIDADES LÚDICAS

12/01/2024

2023 A Concellería de Festexos destinará un total de 62.500 euros a axudas para a organización de festas e actividades lúdicas. Así o confirmou o titular da área, Xosé Luís Martínez (BNG), que explica que esta é a dotación que se inclúe no Orzamento municipal aprobado a principios deste 2023. “Renovamos  a nosa aposta á hora de apoiar ao sector cultural en todas as súas dimensións, de xeito que se facilite o fomento de actividades lúdicas, festivais, festas patronais, parroquiais ou gastronómicas e iniciativas similares”, explica o concelleiro do Goberno local, que incide na importancia de dar visibilidade e promoción a actividades de interese local desenvoltas por asociacións, colectivos e entidades sen ánimo de lucro.

Está previsto que o prazo para poder solicitar estas axudas se abra entre finais de marzo e principios de abril, logo de que as bases fosen aprobadas pola Xunta de Goberno Local e publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo). Agora, deberán transcorrer 15 días hábiles antes da devandita apertura do período. Martínez Blanco recorda que as tramitacións deberán levarse a cabo de xeito telemático, a través da Sede Electrónica do Concello de Poio. Poderán ser obxecto de subvención as citas realizadas entre o pasado 11 de novembro de 2022 e o 10 de novembro de 2023. As entidades beneficiarias deberán carecer de fins de lucro e estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, mantendo os seus datos debidamente actualizados.

Un ano máis, o reparto destas axudas por parte da Concellería de Festexos será en réxime de concorrencia competitiva. Esta foi unha das cuestións abordadas na reunión que Martínez Blanco tivo con representantes de comisións de festas o pasado mes de febreiro. Deste xeito, á hora de valorar as propostas teranse en conta criterios como a programación do evento (número de actuacións musicais profesionais ou de grupos folclóricos, accesibilidade, respecto polo medio ambiente), o fomento do equilibrio de xénero, da igualdade e do patrimonio inmaterial, así como o orzamento total subvencionable. Xosé Luís Martínez explica que a través desta liña de axudas poderase cubrir como máximo o 50% dos custes da organización da actividade en cuestión.

O concelleiro do BNG defende a importancia de consolidar esta liña de subvencións, habida conta de que “Poio conta cun tecido asociativo dos máis activos e implicados da provincia no que se refire á organización de citas e eventos lúdicos, polo que desde o Concello apostamos por facilitar o fomento destas actividades, que supoñen dinamizar o atractivo e incrementar os recursos de dinamización social, económica e de lecer do municipio”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio