A CONCELLERÍA DE CULTURA IMPULSA UNHA NOVA EDICIÓN DO PLAN MÚSICO-CULTURAL CUN ORZAMENTO DE 16.000 EUROS

12/01/2024

2023.

A concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, vén de anunciar unha nova convocatoria do Plan Músico-Cultural do Concello de Poio. Trátase dunha liña de axudas, cun orzamento que ascende a un total de 16.000 euros, aberta por primeira vez durante o mandato vixente, co obxectivo de promover a contratación de grupos de música popular e folclóricos do municipio para amenizar a celebración de diferentes eventos. “Decidimos repetir esta proposta tendo en conta a demanda e a boa resposta que tivo entre o tecido asociativo”, explica Rodríguez Alonso. A boa acollida desta iniciativa queda demostrada nos datos correspondentes a 2022. Acolléronse a este plan colectivos organizadores de preto de 40 festexos e actividades culturais, co que se custearon máis de 100 actuacións ao longo de todo o ano pasado.

As bases do devandito plan xa se poden consultar na Sede Electrónica do Concello, logo de que fosen aprobadas recentemente pola Xunta de Goberno Local. “Entendemos que esta é unha ferramenta moi útil para dar visibilidade e poñer en valor o traballo ao sector cultural”. A titular de Cultura recorda que a creación do Plan Músico Cultural xurdiu nun contexto marcado pola situación da COVID-19. “Un dos sectores máis afectados pola pandemia foi o cultural. Agora, con esa situación xa superada, apostamos por manter esta liña de axudas para seguir promocionando e favorecendo este tipo de actuacións en eventos lúdicos”, explica a edil do Goberno municipal, que lembra que este plan engádese a outras liñas de axudas que desde o Concello de Poio se pon a disposición dos colectivos do municipio.

“Este Plan Músico-Cultural é unha ferramenta útil e eficiente para reforzar o protagonismo dos grupos locais nas programacións dos diferentes eventos lúdicos que se realizan no concello ao longo do ano”, apunta a concelleira nacionalista, que tamén destaca que con este plan busca tamén cubrir os obxectivos que forman parte da Axenda 2030, como é a modernización das inscricións no propio catálogo virtual. Toda a información sobre o mesmo, así como o proceso de tramitación, pode consultarse na páxina web do Concello (www.concellopoio.gal).

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio