A CONCELLEIRA DE TURISMO LANZA ‘7 DÍAS EN POIO’, UNHA CAMPAÑA PARA POTENCIAR O CONCELLO COMO DESTINO TURÍSTICO

12/01/2024

2023.

Poio dispón de recursos e atractivos máis que suficientes para consolidarse como un destino no que poder contar con numerosas fórmulas de lecer, a realizar durante unha semana, sen necesidade de desprazarse máis alá do termo municipal. Este é o espírito co que nace a nova campaña promocional impulsada a través do programa Descubre Poio, organizado pola Concellería de Turismo. A súa responsable, a tenente de alcalde Silvia Díaz (Avante Poio), presentou na mañá deste xoves os detalles da iniciativa, ‘7 días en Poio’, cuxo contido foi consensuado cos e coas profesionais do sector nas diferentes reunións de traballo que se levaron a cabo a través do Descubre Poio, que neste 2023 chega á súa segunda edición.

Neste acto Díaz estivo acompañada por un colaborador de excepción, como é Alberto Ribas, ‘Alvientooo’, o ‘blogger’ veciño de Poio especialista en viaxes e creador de contidos, que conta con milleiros de seguidores e é todo un referente neste tipo de espazos especializados. “Para nós supón un valor engadido contar coa súa implicación e estamos moi agradecidos pola súa colaboración”, afirmou a tenente de alcalde, que recorda que ‘Alvientooo’ xa foi o encargado de impartir nestes meses formacións gratuítas relacionada co manexo das redes sociais. “O feito de que un experto coa súa experiencia sexa a persoa condutora destes medios promocionais é un factor diferencial”, subliñou. Pola súa banda, Ribas amosouse ilusionado por tomar parte neste proxecto, co que “buscamos inspirar ás persoas ofrecéndolles toda a información sobre os atractivos cos que contamos no municipio, que son moitos e do máis variado”.

Con respecto á campaña, ‘7 días en Poio’ nace “como un produto turístico acorde ao potencial que ten o noso concello como destino”, apuntou a concelleira de Turismo, que explicou que a iniciativa conta un ambicioso plan de difusión, no que se inclúen material audiovisual e diferentes artigos promocionais sobre os grandes lugares de interese do municipio, como son as praias, as rutas de sendeirismo, os espazos naturais, os miradoiros, o patrimonio histórico, a gastronomía ou a Variante Espiritiual. Estes textos poderanse atopar tanto na web de Turismo (www.turismopoio.com) como no espazo de ‘Alvientooo’ (www.alvientooo.com). Con respecto aos vídeos, estarán aloxados tanto na canle oficial de YouTube do Concello como no blogg de ‘Alvientooo’, de tal como que “poderemos amplificar o seu impacto, acadando un maior número de visitas e de alcance”. Estas pezas audiovisuais centraranse na promoción do patrimonio histórico, os espazos naturais e o gran capital humano de Poio.

“A nosa gastronomía, as paisaxes, o patrimonio, a Illa de Tambo ou as diferentes actividades lúdicas que se organizan ao longo de todo o ano son atractivos que garanten aos visitantes que poidan permanecer no noso concello durante sete días, gozando duns recursos extraordinarios”, incidiu Silvia Díaz, que ten claro que “nun sector como o turístico, no que a diferenciación e a potenciación da imaxe de marca é un factor decisivo para destacar, queremos consolidar ferramentas coma esta, para dar a coñecer todos os nosos atractivos”. Outro feito no que fixo fincapé a concelleira do Goberno municipal é na implicación do propio sector ( hostalería, aloxamentos, responsables de actividades turísticas) á hora de dar vida a esta campaña, xa que “naceu e foi collendo forma nas reunións de traballo que organizamos a través do Descubre Poio. Entre todos e todas demos vida a esta iniciativa que quere reflictir a esencia de Poio”, apuntou Díaz, que valora “a súa vontade de involucrarse xunto coa Concellaría para que entre todos poidamos continuar mellorando, medrando e traballando por un turismo sostible, desestacionalizado, que sexa xerador de riqueza e postos de traballo, e co obxectivo de buscar a excelencia tanto na calidade do servizo turístico que se ofrece como no respecto ao noso patrimonio, ao noso entorno natural e á nosa historia e as nosas orixes”.

A tenente de alcalde tamén resaltou a importancia de contar con este material informativo e audiovisual, que poderá ser exposto tanto nas oficinas de turismo e ser utilizado como material promocional en feiras de turismo e outros eventos similares.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio