A campaña “no Bo Camiño” certifica o potencial de Poio como concello xacobeo

03/03/2024

A concelleira de Turismo de Poio, Rocío Cochón, destacou hoxe as posibilidades de internacionalización e desestacionalización que ofrecen as variantes do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio. Apoiouse para iso nos resultados provisionais da campaña “no Bo Camiño”, que avanzou aos medios antes da presentación completa dos resultados á Mesa de Turismo da próxima semana e valorou como “moi satisfactorios, toda vez que certifican o gran potencial de Poio como concello xacobeo”.

Cochón compareceu xunto ao Miradoiro do Loureiro, un dos lugares de paso máis emblemáticos da Variante Espiritual en Combarro, e subliñou a importancia de coñecer, preservar e potenciar “un atractivo turístico e cultural único que colle máis relevancia cada día”.

Con ese fin, o departamento dirixido por Cochón puxo en marcha a mediados do pasado ano a campaña “no Bo Camiño”, dirixida a coñecer en detalle os datos e preferencias dos peregrinos que atravesan Poio para mellorar a súa experiencia e reforzar o impacto positivo do camiño na vida e a economía do concello. A iniciativa incluíu a colocación de códigos QR en diferentes puntos da ruta para a realización de enquisas en varios idiomas, así como o reforzamento da recollida de datos en lugares de paso obrigado, como o Concello e o Mosteiro de San Xoán -coa colaboración da Orde Mercedaria-.

“O éxito é indiscutible, xa que nestes poucos meses multiplicamos varias veces os datos que tiñamos sobre as persoas que nos visitan facendo o Camiño”, explicou Cochón, “e eses datos certifican o enorme potencial de Poio como concello xacobeo”.

CASE 2.000 PEREGRINOS CONTABILIZADOS ENTRE AGOSTO E NOVEMBRO, DE 50 NACIONALIDADES E DOS CINCO CONTINENTES

En primeiro lugar, Cochón destacou a cifra de case 2.000 peregrinos dos que se obtiveron datos durante a implantación paulatina da campaña entre agosto e novembro de 2023: “Son datos que superan con creces as nosas expectativas, máis se cabe polas limitacións destes primeiros meses, nos que non foi posible recoller datos moitas fins de semana ou a determinadas horas do día”, polo que a cifra definitiva será moi superior.

Con todo, a información rexistrada sobre estas 2.000 persoas nese curto espazo de tempo ofrece datos moi interesantes, como que “tres de cada catro peregrinos, o 76% son de orixe internacional”, a dicir de Cochón.

Entre o 24% de peregrinos españois, a comunidade máis numerosa son os andaluces, seguidos de valencianos, madrileños e cataláns. Pola súa banda, entre os peregrinos estranxeiros a nacionalidade mellor representada son os portugueses, con máis do 23%, seguidos de italianos, británicos, estadounidenses, alemáns, neerlandeses, canadenses ou australianos. Xunto a estes orixes máis comúns, a longa lista de 50 nacionalidades arroxa a presenza de lugares menos frecuentes, como Taiwán, Corea, Sudáfrica, Armenia ou El Salvador.

O 82% de todos os peregrinos estranxeiros son europeos, pero hainos de todos os continentes, cun 15% de americanos e un 3% total de persoas procedentes de Oceanía, Asia e África.

O 60% DOS PEREGRINOS FAN O CAMIÑO POR PRIMEIRA VEZ, O 80% VAN ACOMPAÑADOS DE PARELLA, FAMILIA OU AMIGOS E UN 6% PEREGRINA EN SOLITARIO

Ademais, outros datos resultan de gran interese, como que o 60,47% admitía facer a ruta Xacobea por primeira vez, mentres que outros indicaban ter camiñado a Santiago por distintas rutas, ata 6 diferentes.

No que se refire aos motivos para realizar o Camiño, a gran maioría citan “a experiencia de peregrinar a Santiago”, (o 78%) e o crecemento persoal (72%), mentres o 22% aduce razóns relixiosas e un 16%, motivos estritamente turísticos.

Ademais, no que se refire á compañía para facer o camiño, resalta o dato de que o 25% dos peregrinos van en grupos de dous persoas, a forma máis habitual de peregrinar. En total, o 80% dos peregrinos di ir acompañado da súa parella, de amigos ou de familiares, mentres que case un 10% faino en grupos grandes, como excursións relixiosas ou escolares.

Un 6% dos peregrinos fan o camiño en solitario, mentres que no extremo contrario, contabilizáronse varios grupos de máis de 20 persoas e ata 45 peregrinos facendo camiño xuntos.

Cochón tamén destacou os resultados da iniciativa no que se refire a comentarios ou feedback, indicando que entre as razóns para escoller o camiño por Poio, os peregrinos citaron a paisaxe, as vistas ao mar, a pouca masificación ou a conexión espiritual. Cabe destacar que practicamente o 100% dos peregrinos que contestaron dixeron estar satisfeitos ou moi satisfeitos coa experiencia e afirman que “a recomendarían”.

E do mesmo modo, entre as suxestións e as observacións, algunhas das máis comúns son a petición de sinalización, especialmente noutros idiomas, a dotación de bancos ou lugares para descansar na ruta e o acceso a baños públicos.

MELLORAR A EXPERIENCIA DO PEREGRINO É AVANZAR EN DESESTACIONALIZACIÓN, INTERNACIONALIZACIÓN E TURISMO SOSTIBLE DE CALIDADE”

Cochón trasladará todos estes resultados á Mesa de Turismo municipal que celebrará a súa primeira sesión a próxima semana, pero considera que paga a pena seguir avanzando nos principios da “información e a atención ás necesidades de visitantes, sector e veciños”.

“Ao igual que os peregrinos, tamén as administracións precisamos saber onde nos atopamos para avanzar con rumbo certo”, indicou Cochón: “E agora tratarémola co sector e cos expertos públicos e privados na Mesa de Turismo Municipal. Para seguir tamén ‘no Bo Camiño’”

A Variante Espiritual é ademais un dos catro sendeiros azuis do municipio, polo que a esixencia de calidade é “máxima”, segundo Cochón: “Nas próximas semanas seguiremos renovando e mellorando a sinalización, para ofrecer o mellor de nós a tanta xente que nos descobre peregrinando. Que queremos que volvan para desfrutar tamén do Poio que non é camiño”

En resumo, indicou Cochón: “Mellorar a experiencia do peregrino é avanzar en desestacionalización, internacionalización e turismo sostible de calidade. Iso é o que imos seguir facendo”

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio