A Cafetería Ferretti doa o segundo premio do TapeaPoio 2025 para o sostemento da canceira municipal

10/06/2025

O concelleiro de Medioambiente, Manuel Domínguez, e a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, participaron na entrega do premio e destacaron a implicación de todo o tecido veciñal, económico e social de Poio co benestar animar e a adopción responsable.

A segunda edición do certame TapeaPoio non foi só un espazo para amosar a calidade e a diversidade da gastronomía local, senón tamén unha nova oportunidade para amosar o compromiso social da hostalaría. A encargada da Cafetería Ferretti, Annie González Falcón, decidiu doar o segundo premio do público en modalidade creativa á Asociación Amigos da Canceira de Poio (Fogarcan), entidade responsable da xestión da canceira municipal.

O premio, acadado polo establecemento de Raxó coa tapa “Burger Morriña”, consiste nun cheque valorado en 300 euros en produtos do Cash Froiz, a canle maiorista da distribuidora. Estes recursos destinaranse á alimentación e coidado dos animais acollidos nas instalacións, situadas no lugar de Vilar.

González Falcón visitou o refuxio para facer entrega do premio á presidenta da asociación, Elisa López Pueyo, e coñecer de preto as necesidades dos animais e o traballo dos voluntarios xunto ao concelleiro de Medioambiente, Manuel Domínguez, e a concelleira de Turismo, Rocío Cochón. Ademais, aproveitaron para pasear a Pepón, un dos veteranos da Canceira despois de sete anos de acollemento, e a outros cans que buscan unha nova familia acompañados de membros da asociación.

A empresaria de Raxó “agradeceu a todo o público que probou, votou e fixo posible este premio” e desexou que sirva para axudar aos voluntarios a darlle “os mellores coidados posibles” aos animais acollidos.

Á súa vez, a representante de Fogarcan quixo dar as grazas a González Falcón por acordarse dos “peludos” da Canceira e donar este premio que “fará a súa vida mellor mentres chega a familia que tanto agardan”. López subliñou a importancia da adopción e a loita contra o abandono. Pódese coñecer máis sobre o traballo da canceira en https://concellopoio.gal/canceira/ e nas redes sociais da Asociación.

UN CONCELLO COMPROMETIDO CO BENESTAR ANIMAL, DESDE AS INSTITUCIÓNS ATA O TECIDO VECIÑAL, ECONÓMICO E SOCIAL DO MUNICIPIO

Domínguez, responsable de Medioambiente, departamento ao que está adscrito o refuxio, enxalzou a doazón e resaltou a importancia de todas as achegas -doazóns, voluntariado, acollemento- para facer posible a función da Canceira como centro de acollida e coidado animal. Por iso, convidou á veciñanza a achegarse para colaborar, participar nos paseos das fins de semana e, sobre todo, “apostar pola adopción responsable e darlles un novo fogar a estes animais”.

Resaltou que o Concello de Poio encárgase da recollida dos cans abandonados ou perdidos no termo municipal e do mantemento das necesidades básicas da Canceira, “pero os voluntarios fan un labor incrible e desinteresada para a que precisan o compromiso e o apoio de todos”.

Pola súa banda, Cochón, responsable de Turismo e impulsora do certame, destacou a satisfacción de que “unha iniciativa gastronómica como TapeaPoio, que xa se está consolidando como un referente gastronómico e turístico, teña tamén unha faceta solidaria”, recordando que na pasada edición parte do primeiro premio foi doado polo Restaurante Lameiriña para benestar social, “e nesta edición repítese esa conduta solidaria, agora a prol do benestar animal e a loita contra o abandono”.

«Estamos profundamente orgullosos do noso sector turístico, porque ademais de calidade ou hospitalidade ten valores”, explicou, subliñando que “doazóns como a de Annie” demostran a implicación de todo o tecido veciñal, económico e social de Poio con esta causa. Somos un concello que coida a todos os que nos visitan e aos que viven connnosco, tamén os cans acollidos nestas instalacións, e fixo fincapé en que “hai moitos animais en busca dunha familia, e mentres non a atopan deben ter o trato que merecen, en centros como este e grazas a voluntarios como os da nosa Canceira”.

Cochón celebrou a intención, transmitida polos responsables de Fogarcan, de utilizar parte do premio para adquirir “algún penso especial, ou alimentación de aínda maior calidade da habitual”, algo que sería “moi acaído, se grazas a este premio os nosos amigos de catro patas poden desfrutar tamén dun momento ‘gourmet’. Meréceno!”

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio