A Biblioteca Municipal pon en marcha o Reto Lector 2024, cunha proposta diferente para cada mes do ano

18/01/2024

O Concello de Poio, a través da Biblioteca Municipal, pon en marcha o Reto Lector 2024, unha iniciativa destinada a fomentar a lectura e a espertar o gusto por diferentes xéneros narrativos que convida aos usuarios a ler unha proposta diferente para cada mes do ano.

Así, por exemplo, a proposta de lectura para o mes de xaneiro é un libro escollida ao chou entre os títulos dispoñibles na biblioteca; en febreiro un poemario; marzo unha obra de literatura asiática; en abril unha novela gráfica ou manga; no mes de maio lerán un libro de non ficción; en xuño un título escrito antes de 1900; para o mes de xullo resérvase un clásico da literatura universal; un libro de relatos en agosto; no mes de setembro lerán unha traxedia grega; para outubro resérvase unha biografía; en novembro un libro escrito por unha muller e, finalmente, en decembro, escollerase un autor ou autora gañador dun premio Nobel.

As persoas interesadas en participar neste Reto Lector deberán anotarse no mostrador de préstamos da Biblioteca Municipal, onde se lles fará entrega dunha cartilla de control. Para superar o reto, deberán ler cada mes a proposta que se fai, e todas as persoas que completen a súa cartilla terán dobre premio: o primeiro e máis importante, o feito de ler e de descubrir e adentrarse en novos títulos, xéneros e escritores, pero tamén activarán un poder para o ano 2025, eliminando así unha sanción por devolución fóra de prazo na biblioteca municipal. 

PREMIO LECTORES DO ANO

Estes días tamén se fixo entrega dos premios aos lectores do ano 2023, que recaeron en Pilar Santiago Alfonso e na usuaria infantil Irene Mariño Piñeiro, de 4 anos. Ademais, entregouse a cesta de libros do Sorteo da Lotería que se celebrou na biblioteca municipal a María Luisa Collazo Carballa.

No mes de xaneiro, a biblioteca tamén conmemorará o Día da Ilustración, o próximo 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Este ano homenaxéase a Chichi Campos e na biblioteca colocarase un punto de interese sobre el e a súa obra.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio