Natalia Sabarís anima a participar nesta iniciativa que fomenta a economía circular e o consumo consciente: “quizais ese libro que xa liches sexa xusto o que outra persoa está buscando”. Do 1 ao 12 de decembro, as persoas participantes poderán entregar ata tres libros en bo estado e recibir a cambio os vales que posteriormente canxearán por outros títulos.
O Concello de Poio organiza unha proposta nova na Biblioteca Municipal para fomentar a lectura: un mercado literario aberto a toda a veciñanza co que dar unha nova vida aos libros.
Segundo explica a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, o obxectivo é ofrecer á cidadanía “a posibilidade de descubrir novas historias, reutilizar libros e participar en actividades culturais que dinamizan o noso municipio”. Por iso, anima a toda a veciñanza a revisar os seus estantes e participar no mercado literario: “Quizais ese libro que xa liches sexa xusto o que outra persoa está buscando”.
Este mercado literario é unha aposta pola economía circular e o consumo consciente, xa que evita que moitos volumes queden esquecidos nos fogares ou terminen desbotados, reducindo o desperdicio cultural. “Fomentamos a reutilización e trueque, ofrecendo unha experiencia novidosa que fomenta o reciclaxe e abre un amplo abanico de posibilidades”, engade a concelleira.
O funcionamento do mercado literario é simple: do 1 ao 12 de decembro, as persoas interesadas en participar poderán entregar na Biblioteca Municipal ata tres libros en bo estado que teñan nos seus fogares. Unha vez entregados, recibirán vales de intercambio equivalentes ao número de exemplares que achegan. E entre o 15 e o 31 de decembro, esas persoas poderán canxear os seus vales por outros libros dispoñibles e entregados por outras familias. Os títulos poden ser de calquera xénero literario: narrativa, poesía, ensaio, infantil, xuvenil, etc.
Desde a Biblioteca Municipal de Poio organizan ao longo do ano iniciativas moi novidosas entre nenos e maiores, como por exemplo a BiblioPraia, activa no verán nas praias con bandeira azul; o Reto Lector, que se desenvolve ao longo de todo o ano; ou o recente Ciclo de Cinema Clásico, celebrado durante o mes de novembro.
OUTRAS ACTIVIDADES NA BIBLIOTECA DURANTE O NADAL
Ademais do mercado literario, a Biblioteca Municipal propón dúas actividades especiais para celebrar as festas. Así, este mesmo luns, día 1, organizarase un obradoiro gratuíto de decoración de Nadal aberto a todas as idades. Será a partir das 16.30 horas e non é preciso inscrición previa. Ademais, terán a oportunidade de participar na colocación e decoración de Nadal na instalación municipal.
E como xa é tradición, o luns día 22, a partir das 13.30 horas, celebrarase a “Lotaría de Libros”, que consiste no sorteo dunha cesta de libros entre todas as persoas que realizaron empréstitos durante o mes de decembro. Con esta actividade búscase promover a lectura e a participación na biblioteca.