A AV Boureante recupera a celebración Festa do Callos, este domingo na Seca

12/09/2024

A Asociación de Veciños Boureante, coa colaboración do Concello de Poio e da Deputación de Pontevedra, celebra este domingo, 15 de setembro, a décimo cuarta edición da Festa dos Callos, na Alameda da Seca.

O alcalde Ángel Moldes e o deputado de Cultura, Jorge Cubela, acompañaron esta mañá á directiva da asociación para presentar unha festa que se recupera despois de cinco anos -en 2020 suspendeuse pola pandemia sanitaria-. Desde o colectivo, explicaron que en 2023 Boureante comezou a recuperar pouco a pouco a súa actividade e, polo tanto, neste 2024 animáronse tamén a organizar unha nova edición da Festa dos Callos. Aseguran estar moi ilusionados e convidan a veciños e visitantes a achegarse o domingo ata A Seca para gozar dunha xornada na que esperan repartir, aproximadamente, 1.500 racións.

Ángel Moldes recordou que esta festa naceu da man de Boureante para poñer en valor todo o entorno da Seca e da Reiboa, “e edición tras edición conseguiron ir incrementando o número de comensais”. Ademais, destacou que “os callos sempre son un atractivo, e con esta contorna e tendo en conta o mimo, e o proceso totalmente artesanal co que as cociñeiras se encargan de preparar as tapas, estou convencido de que este ano volverá ser un éxito”.

Jorge Cubela recordou que esta era unha cita emblemática para Poio e por iso felicitou á AV Boureante por recuperar esta iniciativa e destacou o apoio da Deputación de Pontevedra a través do plan Culturea, “que facilita que o tecido asociativo da provincia poida optar a financiamento para as actuacións culturais e musicais que se inclúen nas súas festas e eventos”.

A Festa dos Callos comezará ás 12.00 horas, e contará tamén coas actuacións da Escola de Música Tradicional de Poio e das Pandereteiras Armadiña. A ración de callos, que inclúe pan e viño ou auga, terá un prezo popular de 10 euros.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio