A Aula Cemit ofrece os luns de outubro sesións de memoria para adultos, en colaboración coa asociación Ensinamos

23/09/2025

A maiores programa cursos gratuítos de iniciación á informática, procesador de texto, internet, correo electrónico e follas de cálculo.

A Aula CeMIT do Concello de Poio organiza todos os luns do mes de outubro as sesións “Exercita a túa memoria”, dirixidas a persoas adultas e en colaboración coa asociación Ensinamos. Trátase dunha actividade na que os participantes traballarán o estímulo mental, a percepción visual e a motricidade fina a través de xogos como puzzles, debuxos ou exercicios con cores. As sesións desenvolveranse en horario de 16:30 a 19:30 horas, e as persoas interesadas poden inscribirse no Pazo Besada.

Ademais desta actividade, a Aula CeMIT, situada na Escola do Campo de Combarro, ofrecerá durante outubro varios cursos gratuítos orientados a mellorar as competencias dixitais da cidadanía. Estes cursos están dirixidos a persoas maiores de 14 anos, tendo prioridade aquelas que estean empadroadas no concello de Poio.

Entre as propostas formativas inclúese o curso “Alfabetización dixital: Iniciación á informática”, que se impartirá do 30 de setembro ao 3 de outubro, en horario de 16:30 a 18:00 horas. O obxectivo é que o alumnado adquira nocións básicas sobre o manexo do ordenador, como acendelo e apagala correctamente, empregar o rato, ou organizar arquivos e cartafoles. Na mesma semana terá lugar a primeira edición do curso “Iniciación a LibreOffice Writer”, no que se ensinará a escribir e editar documentos de texto. Esta formación repetirase a finais de mes, concretamente os días 21, 22, 23, 28 e 29 de outubro.

Do 7 ao 10 de outubro, en horario de 18:00 a 19:30 horas, impartirase o curso de nivel medio de Writer, que afondará en aspectos máis avanzados como a aplicación de formatos, a modificación das propiedades do documento ou o uso de táboas e elementos gráficos.

Tamén do 7 ao 10 de outubro, a partir das 16:30 horas, desenvolverase o curso de “Iniciación a Internet”, no que se explicarán aspectos básicos como a realización de procuras sinxelas a través dun buscador ou a navegación por diferentes páxinas web. A continuación, entre os días 14 e 17 de outubro, celebrarase o curso “Iniciación ao correo electrónico”, tamén ás 16:30 horas. Nel aprenderase a crear unha conta de correo, revisar e responder mensaxes, enviar novos correos, así como xestionar contactos e utilizar a axenda.

A formación en follas de cálculo tamén estará presente neste mes. O curso de iniciación a LibreOffice Calc impartirase do 14 ao 17 de outubro, ás 18:00 horas, e ofrecerá coñecementos sobre fórmulas básicas, edición de documentos, gardado e impresión. O nivel medio terá lugar os días 21, 22, 23, 28 e 29 de outubro, tamén ás 18:00 horas. Neste caso, o alumnado aprenderá a empregar formatos condicionados, inserir gráficas e outras funcionalidades moi útiles para tarefas administrativas como a contabilidade, facturación ou xestión de almacén.

O Concello de Poio lembra tamén que está aberta a aula de acceso libre de luns a venres en horario de tarde, nas que calquera usuario que o desexe pode facer uso do equipamento e da conexión á Internet da aula de 19.30 a 21.00 horas, sempre con cita previa. Como xa é habitual, as asociacións e colectivos locais teñen tamén a opción de poder reservar a utilización dos ordenadores para a realizar as súas actividades.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio