A AULA CEMIT DE COMBARRO PORÁ A DISPOSICIÓN DA CIDADANÍA ATA DEZ CURSOS GRATUÍTOS DURANTE O MES DE MARZO

12/01/2024

2023.

A Aula Cemit de Combarro, situada na antiga Escola do Campo, ofrecerá durante o mes de marzo, desde o vindeiro luns día 6 ata o xoves 30, ata dez cursos de formación gratuíta. En total, son 60 horas nas que se abordará o manexo de diferentes aplicativos e programas informáticos. Ademais, tal e como lembra o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Xulio Barreiro (BNG), seguirá operativa a Aula Aberta, con acceso libre previo rexistro do usuario ou usuaria, de luns a venres entre as 19.30 e as 21.00 horas. Nese horario tamén estarán as instalacións operativas para acoller cursos ou iniciativas organizadas por parte de asociacións e organizacións do concello, previa solicitude.

Os dous primeiros ciclos terán lugar na semana do 6 ao 10, a excepción do mércores 8, no que non haberá clase. Estas primeiras propostas serán sobre iniciación á informática en xeral e tamén un curso sobre pautas para familiarizarse co labor do Community Manager. Posteriormente, entre os días 13 e 17 de marzo, haberá un curso de iniciación a Internet, así como un sobre Posicionamento en web (SEO). Os días 20 ao 23 abordaranse outras cuestións, como a utilización do correo electrónico ou como levar a cabo presentacións on line. Asemade, o venres 24 tamén se ofrecerá unha formación para aprender a realizar videoconferencias telemáticas. A programación finalizará con dous novos cursos no tramo final do mes, do luns 27 ao xoves 30: un sobre o uso, a nivel de iniciación, do procesador de texto LibreOffice Writer e outro para manexo e tablets e teléfonos ‘smartphones’. Desde a Concellería de Novas Tecnoloxías infórmase de que as instalacións permanecerán pechadas desde o 31 de marzo ata o 10 de abril.

As inscricións e solicitudes para anotarse nestes cursos poderán facerse enviando un correo electrónico a cemit.poio@xunta.gal ou na propia Aula de Combarro. Tamén é posible facer esta xestión chamando por teléfono ao 986770001 (extensión 1321), en horario de 16.00 a 21.00 horas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio