Aberto o prazo para participar nos cursos do mes de febreiro, que inclúen xornadas sobre redes sociais, IA, compras seguras e administración electrónica, así como cursos de iniciación a internet e correo electrónico e deseños de carteis.
A Aula CeMIT de Poio desenvolveu ao longo do ano 2025 un amplo conxunto de accións formativas e de apoio dixital, co obxectivo de promover a alfabetización dixital e garantir un acceso igualitario ás novas tecnoloxías entre a poboación do municipio.
En cifras, ao longo de 2025 realizáronse preto de 200 actividades, que sumaron mais de 1.000 horas de formación e apoio dixital gratuíta, con 230 persoas usuarias. A estes datos hai que engadir as persoas asistentes nas actividades externas, cesións de aula e aula aberta, o que sitúa o número total de usuarios da Aula Cemit de Combarro en 400.
Segundo a concelleira de Novas Tecnoloxías, Tamara González, o balance do ano é moi positivo, xa que se facilitou o achegamento e a participación nas novas tecnoloxías e acadou valoracións favorables por parte das persoas usuarias, o que consolida a Aula CeMIT de Poio como un recurso básico, gratuíto e estable de apoio dixital no concello. Como vén sendo habitual, a Aula CeMIT de Poio continúa traballando para mellorar e actualizar os seus servizos, sen perder de vista a súa función principal de iniciación e acompañamento no uso das novas tecnoloxías.
As actividades estiveron dirixidas á cidadanía en xeral, prestando unha atención especial a persoas maiores, persoas desempregadas, mulleres, mozos e mozas e colectivos con maiores dificultades de acceso ás tecnoloxías da información e da comunicación (TIC). Todas as accións leváronse a cabo de maneira totalmente gratuíta.
Durante o ano realizáronse formacións básicas en competencias dixitais, abordando o uso do ordenador, dispositivos móbiles, Internet e correo electrónico, así como accións centradas na comunicación dixital e no uso seguro da rede, redes sociais, videochamadas e prevención de fraudes. Tamén se impulsou o achegamento á administración electrónica, facilitando o uso da Administración 365 online mediante certificados dixitais, Chave e a realización de trámites en liña.
No ámbito da empregabilidade, a Aula CeMIT de Poio ofreceu apoio na elaboración de currículos, na busca de emprego a través de Internet e no manexo de recursos online como os portais de emprego. Ademais, desenvolvéronse accións de alfabetización dixital avanzada, incluíndo o uso de ferramentas ofimáticas, almacenamento na nube, seguridade dixital, introdución á intelixencia artificial, impresión 3D, robótica, manexo de drons e gafas de realidade virtual.
A aula tamén realizou certificacións oficiais de Competencias Dixitais COMDIX da Xunta de Galicia, actuando como aula examinadora. Xunto ás accións formativas, mantívose o servizo de atención individualizada a través de titorías e clases de reforzo, resolvendo dúbidas e acompañando ás persoas usuarias en trámites electrónicos e no uso de dispositivos e aplicacións dixitais.
Outro dos piares da actividade foi a colaboración con entidades do concello, permitindo a asociacións, organizacións culturais e deportivas e empresas o uso das instalacións mediante cesións de aula, así como a colaboración directa na realización de actividades formativas como entidades colaboradoras da Rede CeMIT. Así mesmo, mantívose o servizo de Aula Aberta, poñendo o equipamento da aula a disposición das persoas usuarias mediante acceso libre.
IA, REDES SOCIAIS E COMPRAS SEGURAS, ENTRE A PROGRAMACIÓN PARA FEBREIRO
A Aula Cemit xa ten abertas as inscricións para os cursos do mes de febreiro, que inclúen xornadas sobre redes sociais, Intelixencia Artificial, compras seguras e administración electrónica, así como cursos de iniciación a internet e correo electrónico e deseños de carteis. Corenta horas de formación gratuíta para as que as persoas interesadas se poden anotar na propia aula, situada na Casa do Campo en Combarro, no teléfono 986 770 001 (Ext. 1321) ou no enderezo electrónico cemit.poio@xunta.gal.
Todos os luns, en horario de 16.30 a 18.00 horas, impartirase o curso de “Exercita a túa memoria”, co que os usuarios exercitarán e estimularán a súa mente, a vista e a motricidade fina mediante puzzles, debuxos e outras actividades.
Do martes 3 ao venres 6 celebrarase o curso “Alfabetización dixital: iniciación á informática”, co que se pretende que o usuario obteña os coñecementos básicos para manexar un ordenador.
O luns 9 impartirase o curso “Píldora: As redes sociais”, que pretende achegar o funcionamento das diferentes redes sociais, a privacidade e seguridade da conta de usuario, como publicar e compartir contido, uso seguro, etc.
“Iniciación a internet” será do martes 10 ao venres 13, e os participantes aprenderán a utilizar aplicacións e ferramentas fundamentais relacionadas coa rede.
Para aprender a crear carteis, folletos e outros deseños organizarase a formación “Deseño de carteis e folletos” entre o martes 10 e o venres 20.
“Píldora: a Intelixencia Artificial” está programada para o luns 16. A través desta píldora formativa trátase de achegar o funcionamento dos diferentes tipos de IA, a privacidade e a seguridade no seu manexo e como empregar a información que facilitan.
Do martes 17 ao venres 20 celebrarase o curso “Iniciación ao correo electrónico web·, mentres que o luns 23 reservarase para “A administración online”, achegando ao alumnado o seu funcionamento e os servizos que ofrece. O martes 24 realizarase “Compras seguras na rede”, para coñecer as posibilidades das compras por internet e aprender a identificar as páxinas seguras.
A proba de aproveitamento dos cursos online EMA será o venres día 24, e permite obter o título dos cursos realizados na plataforma de teleformación.
Ademais, calquera usuario que o desexe pode facer uso do equipamento e da conexión á Internet da aula a través da Aula Aberta, sempre con cita previa e en horario de luns a venres, entre as 19.30 e as 21.00 horas. As asociacións e colectivos locais teñen tamén a opción de poder reservar a utilización dos ordenadores para a realización de actividades.