A Asociación Amigos da Casa Museo Cristóbal Colón lanza o seu primeiro boletín informativo

06/08/2025

O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, participaron na presentación, xunto ao presidente da asociación, Pedro Martín Gilarranz.

A Asociación Amigos da Casa Museo Cristóbal Colón acaba de publicar o primeiro número do seu boletín informativo, unha nova ferramenta coa que buscan divulgar novidades, estudos e achegas arredor da teoría da orixe poiense do navegante.

A presentación tivo lugar esta mañá coa participación do alcalde de Poio, Ángel Moldes, e da concelleira de Turismo, Rocío Cochón, que acompañaron ao presidente da asociación, Pedro Martín Gilarranz, na Casa Museo Colón, en Portosanto, que este ano repite distintivo de calidade Centro Azul.

O obxectivo da publicación é converterse nun referente informativo sobre todo o que se vaia coñecendo sobre Colón, priorizando as achegas procedentes de Galicia, pero tamén abríndose a outras teorías que poidan enriquecer o debate histórico.

O número cero do boletín, dirixido e coordinado por Lino J. Pazos, inclúe contidos dedicados á traxectoria da propia asociación, á recuperación da celebración do Día de Colón en Combarro, e ás principais actividades desenvolvidas nos últimos dous anos no concello. Entre elas, destaca a exposición de pintura “Con acento de Poio, o noso Colón”, organizada por Galicia Histórica en colaboración co Concello de Poio; a recepción do facsímile da Carta de Colón anunciando o Descubrimento do Novo Mundo, doado por Luis López Basalo; ou a visita de Yolanda Rey Junquera-Huergo, descendente directa de Pedro Madruga, ao municipio.

Con esta iniciativa, a Asociación Amigos da Casa Museo Cristóbal Colón reafirma o seu compromiso coa divulgación histórica e co impulso das investigacións que sitúan a Galicia como berce do descubridor do novo mundo.

Ángel Moldes aproveitou a ocasión para felicitar á asociación tanto pola súa actividade, como polo premio Lexión Irmandiña que lle concede a organización das Xornadas de divulgación e narrativa Compostela Histórica, e que recollerá a finais de setembro na capital galega. Un galardón que se concede a un colectivo especialmente destacado no que atinxe á divulgación e defensa da cultura e da historia de Galicia.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio